Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vencello reitéralle ao concello de Burela maior implicación no mantemento dos espazos públicos e infraestruturas municipais

Burela, 10 de maio de 2022. Debido á preocupación existente entre os veciños do noso municipio dende a asociación de veciños O Vencello vimos de presentar novamente un escrito no rexistro municipal no que volvemos a expoñer só algunhas das carencias máis significativas no Concello e que levamos expoñendo reiteradamente nas distintas xuntanzas mantidas co Alcalde, Alfredo Llano, e e co tenente de Alcalde, Ramiro Fernández.

Unha boa mostra da falta de mantemento atopámolo na zona recreativa do Cantiño, cuxa área de mesas atópase nun estado ruinoso cos seus valados rotos. Lembrámos que aínda que esta área forma parte do espazo competencial de Costas, a responsabilidade directa do seu mantemento é do Concello.

O mesmo acontece nos paseos marítimos e nas outras áreas verdes e de lecer das que dispoñemos na vila, todas elas nun estado de abandono máis que evidente.

Ascensor do Xulgado de Paz
Outra mostra do «pasotísmo» dos nosos gobernantes municipais é o xa coñecido tema do ascensor da antiga praza de abastos, que debería dar servizo ás dependencias do xulgado de paz e noutras dependencias, como Gaia ou a Fundación Expomar.

Hai anos que levamos anos urxíndolle ao Concello unha solución diante da falta de servizo deste ascensor, único acceso que teñen veciños con mobilidade reducida para realizar trámites ou consultas nas oficinas públicas que alí se atopan.

Agora, e segundo conversa mantida o pasado 6 de maio co señor Ramiro Fernández, os traballos para arranxar este ascensor xa están adxudicados.

Valoramos positivamente este anuncio do señor Fernández e só agardamos que a súa posta en marcha non se alongue máis do debido, porque en todo este tempo o Concello non ten feito nada, salvo anuncios e propaganda.

Antiga casa de Teléfonos en perigo de derrubo
Tamén solicitamos do equipo de Goberno burelao que actúe na coñecida como «A casa de Teléfonos»; inmoble situado na avenida Arcadio Pardiñas que albergou as instalacións da Compañía Nacional de Teléfonos ata a década dos anos 70 do século pasado.

O devandito inmoble atópase nun estado de ruína e ameaza con virse abaixo, sen que o Concello faga nada ao respecto e co conseguinte perigo para os viandantes e os vehículos que pasan a diario fronte del.

Parécenos que non é de recibo que os nosos gobernantes sexan tan dilixentes en elaborar ordenanzas urbanísticas reguladoras para case todo (peches de fincas, instalacións de terrazas, etc…) e de despois non sexan igual de dilixentes en facer cumprir algunhas desas ordenanzas.

Alumeado Público
Outra das reiteradas eivas que lle levamos expoñendo nestes anos aos señores Llano e Fernández son as que atinxen ao alumeado público.

Neste senso vemos con ledicia que as luminarias da rúa Eijo Garay foron recentemente pintadas, pero queremos lembrarlle a Llano e Fernández que Burela ten máis rúas; e que as persoas que viven no resto dos barrios do concello tamén teñen dereito a gozar dese nivel de esmero que amosan por esta rúa porque pagan os mesmos impostos.

Por iso, esixímoslles novamente que acometan a mellora da rede de alumeado en todos os barrios, tanto no que atinxe á iluminación como ao estado dos farois, que se atopan con significativas carencias de mantemento (pouca iluminación, farois fundidos, luminarias torcidas ou a piques de caer; luminarias retiradas que aínda non foron repostas, etc…).

Exit mobile version