Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón destaca que Galiza ten ganas dun cambio real que o BNG aspira a liderar, “con humildade e con ambición de País”

Santiago de Compostela, 2 de maio 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, destaca que Galiza está nun cambio de ciclo que arranca na noite electoral das eleccións galegas de 2020 e que empezou a conta atrás para un cambio real na Presidencia da Xunta, cambio que o BNG aspira a liderar, “con traballo, humildade e desde a ambición de País”. Neste sentido, avanzou, o Bloque non apoiará ao candidato do PP a quen considera corresponsable de deixar unha Galiza máis pequena.

Pontón sintetizou en tres os argumentos que xustifican o non a Alfonso Rueda. “O primeiro é que o secundario de Feixóo é corresponsable de deixar unha Galiza que vai a menos; o segundo porque estamos ante o Partido Popular do non, do non a todo o que significa á defensa de Galiza e iso ten consecuencias: temos menos emprego, menos industria, menos xente moza, menos sanidade e educación públicas, menos oportunidades nun País no que o único que medrou foi a débeda, a emigración e o deterioro dos servizos públicos”.

A terceira razón e que o Bloque non pode apoiar a un partido que lle mente ós galegos e ás galegas, “como fixo sistematicamente o PP durante trece anos. Cada vez que dicía que o primeiro era Galiza, mentía, porque para o PP o primeiro sempre foi o PP e volveu demostralo nesta crise de goberno poñendo as ambicións persoais por diante do País, mesmo estando inmersos nunha escala de prezos”, explicou.

A líder do Bloque insistiu en que estamos ante un cambio de ciclo político, que non arranca coa marcha de Feixóo senón na noite electoral dos pasados comicios galegos, nos que a cidadanía situou ó BNG como alternativa ao PP. “Empezou a conta atrás para poñer en marcha un cambio real que o desde o Bloque aspiramos a gobernar, desde a humildade, ilusión e confianza nos galegos e nas galegas, porque sabemos que Galiza é un gran país, cun enorme potencial, con xente honesta é traballadora”, alegou.

“O que falla é o Goberno do PP, sen ideas nin propostas, que nos deixa unha Galiza máis pequena. Desde o BNG queremos dar unha alternativa de futuro e imos traballar para que, da man do Bloque, ese cambio chegue canto antes”, concluíu Pontón, “tras destacar que máis aló de levar tres meses cun Executivo interino, o grave é que levamos trece anos cun Goberno do PP que deixa un País con menos oportunidades, pero empezou a conta atrás para construír unha Galiza con futuro e con oportunidades, unha Galiza mellor da man do BNG”.

Exit mobile version