Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Tumba e dálle’ finalista no concurso Interritmos-Sons do Rural

Barreiros, 25 de maio, 2022. O grupo Tumba e Dálle, formado por mozos e mozas de San Miguel (Barreiros), Rinlo, Ribadeo, Trabada e Lourenzá, presentouse ao concurso enviando una maqueta do seu tema “Concha da Ialma” e ven de coñecer que foi seleccionado entre os 6 finalistas entre una lista de mais de 20 participantes.

As 6 propostas seleccionadas por un xurado profesional actuarán nunha gala que se clebrará o vindeiro 4 de xuño no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) , onde o mesmo xurado dilucidará os dous gañadores finais.

“Para nós é xa un premio estar entre os seleccionados e imos ao Grove con toda a ilusión e sen presión ningunha, coa idea de disfrutar ao máximo do momento”, aseguran dende o grupo.

Na gala cada finalista disporá de 10 minutos de actuación e tocará un mínimo de dous temas. “Agora toca escoller o que imos tocar, que non é doado, porque hai que xogar co tempo estipulado , con non repetir ritmo, con incluir ou non a peza que xa mandamos e que o xurado xa coñece… temos que darlle aínda una volta a ver por cales nos decidimos”.

Dende Tumba e Dálle, con máis xa de 10 anos de traxectoria artística, afirman que isto supón renovar a ilusión por seguir ensaiando e tocando: “ilusión temos sempre pero é certo que ás veces se fai duro ensaiar semana tras semana e que o teu traballo apenas teña repercusión fóra da comarca. A idea de presentarnos era principalmente esa, dar a coñecer o que facemos dende este recuncho do país, así que nese senso obxectivo máis que cumplido”.

O Concurso Interritmos- Sons do Rural é un evento xa consolidado na música tradicional do País e está organizado por Grupos de Desenvolvemento Rural, Asociación de Desarrollo Local Deloa, Ribeira Sacra-Courel , Salnés Ulla Umia e a Asociación de Desenvolvemento da Comarca de Ordes.

O premio para os dous gañadores finais consistirá na participación dun circuito musical por eventos por todos os territorios citados, destacando entre outras a participación no Festival da Luz, en Boimorto así como a gravación dunha peza nun estudio profesional e un videoclip de promoción.

“Estar entre os dous gañadores finais sería a repera pero é algo que non nos plantexamos, hai moita e moi boa competencia e que pase o que teña que pasar, nós a disfrutar o momento, vivir a experiencia a tope e iso en si mesmo xa será un gran premio. Se ven algo a maiores pois perfecto, xa teremos tempo de asimílalo, e senón pois perfecto tamén, a seguir ensaiando e tocando que en definitiva é o que máis nos gusta”

Exit mobile version