Site icon Crónica3.com A Mariña

A Agrupación Cultural Francisco Lanza realizou unha recollida de lixo na praia de Illas para chamar a atención sobre a necesaria limitación do uso de plásticos na nosa vida cotián

Ribadeo, 5 de xuño, 2022. Este domingo, Día Mundial do Medio Ambiente, a Agrupación Cultural Francisco Lanza dedicou parte da tarde a facer unha recollida de plásticos e outro lixo na Praia de Illas. Non se trata só de lixo que calquera persoa puidera ter deixado ao pasar por alí, senón tamén, e sobre todo, das crebas que o mar vai depositando. Hai que dicir que, de entrada, a praia estaba bastante limpa. Grazas aos consellos de Patricia Pérez, bióloga á fronte do “Ferrado Marelo”, aprenderon a buscar aqueles restos máis agochados polo labor do mar día tras día. Demos conta dunhas cantas bolsas de lixo.

Pretendíase con esta actividade chamar a atención sobre o uso dos plásticos na nosa vida cotián e os seus efectos no noso ecosistema. Máis tarde ou máis cedo, acaban petando na nosa porta, ben sexa á beira do mar, ben sexa a través da cadea alimenticia (os microplásticos que acaban nos estómagos do peixe e despois nos nosos).

Como usuarios e usuarias das praias temos a responsabilidade de adoptar unha actitude cívica evitando deixar restos da nosa actividade cotián nas mesmas. Pero, como habitantes deste planeta, esa inmensa praia que todos e todas nós temos que compartir, debemos tomar conciencia da importancia de limitar o uso de plásticos.

A través do comentario dalgunhas pasaxes do libro “Plásticus maritimus”, de Ana Pêgo, Patricia Pérez explicou o promedio de vida dun plástico. Arrepía escoitar eses datos e, sobre todo, ver como afectan ao ecosistema mariño e mesmo poden incidir directamente na nosa saúde a través da cadea alimenticia.

Tamén houbo tempo para a literatura e, da man de varias autoras e autores galegos, puidéronse ler pasaxes da súa obra na que se chama a atención sobre a necesaria preservación do noso ecosistema en xeral e, nomeadamente, das nosas praias.

Exit mobile version