Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba destinar máis de 190.000€ ao impulso de tres festivais musicais referentes da provincia

A Xunta de Goberno acordou este venres unha colaboración co Concello de Ourol para apoiar o Festival Aturuxo de Bravos con 20.450€, outra co Concello de Vilalba de 20.000€ para o FIV, e o patrocinio do Resurrection Fest por 150.000€

Lugo, 3 de xuño de 2022. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres destinar máis de 190.000€ a tres festivais que se celebran na provincia de Lugo para apoialos e contribuír á súa financiación. En concreto, aprobou colaboracións co Concello de Ourol e de Vilalba para o festival Aturuxo e o FIV, respectivamente, e o patrocinio para o Resurrection Fest.

Por unha banda, a institución provincial aprobou un convenio co Concello de Ourol a través do que lle aporta 20.450€ para a celebración do Festival Aturuxo de Bravos, que é “xa un referente da música e da cultura galega”, pois cada edición reúne a grupos e artistas de referencia no panorama musical tradicional. Este ano recuperará o seu formato orixinal logo de verse limitado nas últimas edicións pola pandemia, e volverá a última fin de semana de xullo. Ademais, este sábado farase unha presentación onde non faltará a música, os xantares tradicionais e os bailes.

A Xunta de Goberno tamén lle deu o visto bo a unha colaboración co Concello de Vilalba para apoiar con 20.000€ a celebración do Festival Internacional de Vilalba (FIV). A institución provincial axuda con esta contía económica a manter o festival, que, ademais dunha proposta de lecer que dinamiza socialmente a provincia, ten un retorno importante para sectores como a hostalería e o comercio. O evento musical, que naceu no 2008, está consolidado como un referente do indie rock nacional, e é todo un revulsivo para a comarca chairega. Este ano volveu a celebrarse no mes de abril con moito éxito, non só polo regreso do festival á súa orixe, senón tamén por ser o primeiro sen restricións da tempada.

Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno acordou así mesmo a adxudicación do contrato de patrocinio do Resurrection Fest de Viveiro, a través do que a Deputación achega 150.000€ para a celebración da cita, que terá lugar entre o 29 de xuño e o 3 de xullo na cidade do Landro. A Deputación de Lugo apostou claramente dende o principio por este festival, ofrecendo un apoio que foi clave para que se consolidase como o que é hoxe: unha cita de referencia a nivel nacional e internacional, que atrae a milleiros de persoas e que produce un retorno económico de primeira orde para Viveiro e para toda A Mariña.

Venda de parcelas no polígono de Friol
Visto bo da Xunta de Goberno provincial á adxudicación directa dunha parcela de uso comercial no polígono industriais A Gándara, en Friol, por 108.015,53€, que se dividirá en dúas para poder desenvolver dúas actividades diferentes.

Neste polígono a Deputación ofertou, mediante poxa pública, 34 parcelas cunha superficie total de 63.331,55 m2. A día de hoxe, a superficie vendida ou en trámite de venda é de 9.657,83 m2, e supón a implantación de 5 novas actividades empresariais neste polígono.

A superficie dispoñible para a venda no polígono industrial da Gándara na actualidade é de 53.673 m2 en parcelas cunha superficie de 900 a 12.000 metros cadrados, a un prezo de 36,42€ ou 34,69€ por metro cadrado, dependendo das características da parcela.

Emprego público
Na Xunta de Goberno deste venres quedou aprobada a convocatoria e as bases específicas para o ingreso como persoal funcionario de carreira na Deputación de Lugo de 3 prazas de auxiliar (1 en cota xeral e 2 en cota para persoas con discapacidade) polo sistema de oposición libre. Así mesmo, acordouse o procedemento para a cobertura de 7 prazas de capataz de camiños, da escala de administración especial, da subescala de servizos especiais, da clase persoal de oficios, da categoría de mestres, do grupo C e do subgrupo C1, do grupo de persoal funcionario da institución reservadas a promoción interna vertical.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a licitación dun contrato para a contratación dunha póliza de responsabilidade civil da Deputación de Lugo cun orzamento de 98.650€. O contrato faise por un ano, con posibilidade de tres prórrogas máis dun ano cada unha.

Exit mobile version