Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade ofreceu unha recepción ao equipo do programa Gente Viajera

A Mariña, 27 de xuño de 2022. O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, acompañado polo concelleiro de Turismo focense, Chema Linares, ofreceu unha recepción ao equipo do programa Gente Viajera, que dirixe e presenta a pastoricense Esther Eiros.

No acto, celebrado no Cenima, participou tamén o presidente de AciaFozCCA e da Federación de Comercio A Mariña, José Carlos Paleo, así como os propietarios de Pastelería Anduriña, Moncho Castro e Mari Trigo, que aproveitaron a ocasión para presentarlle ao equipo de Gente Viajera a Sandalia do Peregrino, un exquisito doce elaborado con améndoas, noces, pasas, abelás, piñóns, fariña, manteiga, cabelo de anxo e ovos, entre outros ingredientes.

Esther Eiros e os seus colaboradores trasladáronse despois para A Pontenova desde onde onte, domingo, realizaron o programa Gente Viajera para todo o país. Pola Casa da Cultura pasaron o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, o alcalde de A Pontenova, Darío Campos, a responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García, e o xerente da OPP Burela, Sergio López.

Irene González, Ángel Bermejo e Enrique Domínguez Uceta (colaboradores de Gente Viajera) coñeceron na Pontenova a ruta das Reigadas, os Fornos, a aula de interpretación da pesca, a oficina de turismo (onde puideron ver unha exposición de fotografías antigas (do ano 1904 en diante) a través das que se poden coñecer todos os elementos da explotación mineira cando estaban en funcionamento), e tamén visitaron o complexo histórico recreativo da Mina Conseulo-Boulloso, que inclúe a supertirolina que recrea o trazado do antigo tranvía aéreo. Durante a emisión do programa deron conta de todo o visto e vivido e falaron do patrimonio cultural e natural da Mariña e da súa riqueza gastronómica, onde a pescada de Burela foi a protagonista, xunto ás troitas e os salmóns do río Eo.

Exit mobile version