Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mina Consuelo da Pontenova, a segunda maior cavidade de Galicia, ábrese á arte esta fin de semana

A Pontenova, 8 de xuño, 2022. A idea é a seguinte: chegas ao centro da Pontenova e aparcas o coche na Praza dos Fornos. Aínda non sabes ben que son estas cinco chemineas, pero logo vas descubrilo. Aquí comeza o roteiro guiado. Comezas a subir a montaña por un carreiro costo e conforme te achegas á boca da Mina Consuelo a paisaxe parece transformarse na da película Avatar, unha sorte de selva tropical. Só que esta é fresquiña. Estás no fondo dunha gran trincheira escavada na roca e cuberta de lianas; a potente voz de Mónica de Nut álzase en arias de ópera entre castiñeiros e bidueiros. Parece un soño, pero non. Por estraño que pareza, segues neste pequeno concello do interior da Mariña lucense, pegado a Asturias, que a xente adoitaba deixar atrás ao seu paso pola estrada xeral, sen saber que garda un incrible tesouro no seu interior.

A Mina Consuelo é a segunda maior cavidade de Galicia e a única galería mineira aberta ás visitas que existe na no país. Comezou a explotarse a inicios de 1900 e leva case cen anos sen actividade mineira, polo que está completamente naturalizada. De titularidade municipal, foi inaugurada, xunto á maior tirolesa de Galicia, o pasado mes de febreiro. Agora, Xesteco, a empresa que xestiona os roteiros guiados e as visitas á mina, decidiu dar un paso máis e ofrecer unha experiencia exclusiva que combina arte e natureza e que denominaron espeleoarte. “Pensamos que un lugar desta beleza merecía ofrecer algo especial, tanto ás veciñas e veciños da Pontenova como ás persoas que nos visitan. A idea das intervencións artísticas é algo que sempre tivemos en mente, entre outras cousas porque nos parece importante xerar innovación cultural desde contextos rurais. Por iso contactamos coa comisaria Natalia Balseiro, que nos axudou a darlle forma á idea. Foi ela a que propuxo a Mónica de Nut, que é unha artista versátil, afeita facer intervencións ao aire libre”, explica Celtia Travesas, xerente de Xesteco.

Ao longo do percorrido, Mónica de Nut interpretará arias de ópera, improvisación con armonio e canto tradicional galego. O obxectivo é que os participantes se mergullen nunha atmosfera máxica de natureza, pedra e canto. “Esta iniciativa é unha proba piloto, se funciona traeremos cada tempada a un/unha artista diferente”, explica Travesas. A actividade terá lugar os días 11 e 12 de xuño. O sábado 11 con dous pases: un de mediodía (con saída ás 12:30 h) e outro nocturno (con saída ás 21:00 h). O domingo 12 haberá só pase de mediodía. Os participantes recibirán unha bolsita cun exclusivo picnic. As reservas pódense facer on- line a través da páxina web: tirolinadasminas. com. Algúns aloxamentos do municipio, como A Casona de Labrada, ofrecen descontos para as persoas que desexen gozar deste evento.

Exit mobile version