Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anima ás pemes lucenses a comezar a innovar co apoio dos Bonos de Innovación

Lugo, 28 de xuño de 2022. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, animou hoxe ás pequenas e medianas empresas da provincia de Lugo a dar o paso de innovar na benvida á xornada informativa sobre a nova liña de axudas Bonos de Innovación celebrada de xeito presencial en Lugo e en modalidade en liña, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco da iniciativa Conecta Lugo. Na xornada participaron tamén representantes das empresas lucenses Aresa e Himikode, beneficiarias da orde de axudas InnovaPeme, que expuxeron a súa experiencia nunha mesa redonda.

Argerey apuntou que a innovación é a esencia da competitividade e permite ás pemes diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar. Para apoiar ás pemes neste proceso, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, acaba de convocar os Bonos de Innovación, unha liña de axudas dirixida precisamente a autónomos, micro, pequenas e medianas empresas que queiran comezar a innovar e que precisen facelo dun xeito inmediato para dar resposta ás súas necesidades.

Este novo instrumento, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 11 de xullo, completa o mapa de apoios á I+D+i da Xunta de Galicia, abranguendo todas as etapas do proceso innovador e todos os axentes do ecosistema. O programa cobre o 70% dos custos de contratación de servizos profesionais externos (prestados por consultorías, entidades certificadoras, centros tecnolóxicos, provedores tecnolóxicos, etc), que permiten reforzar as capacidades internas da empresa mellorando a súa competitividade.

Algúns exemplos de tipos de actividades que apoian os Bonos son testar un novo produto ou servizo antes de industrializalo ou lanzalo ao mercado, estudar ou validar tecnoloxías que poden facer máis eficientes os procesos ou engadir valor aos produtos ou servizos, presentar solicitudes a convocatorias estatais e internacionais de financiamento da I+D+i, tramitar deducións fiscais á I+D+i, certificar sistemas de xestión e organización da innovación, patentar ou obter modelos de utilidade de produtos ou obter ou renovar o selo de peme innovadora, entre outras actividades.

Esta nova liña de apoio enmárcase no Programa de Impulso á Innovación das Pemes, que ten como obxectivo promover a innovación como esencia da competitividade das pemes galegas e superar os obstáculos para innovar. Outras actuacións postas en marcha no marco deste programa son, por exemplo, as xiras de encontros Camiño da Innovación e Camiño de Futuro, realizadas por toda a xeografía galega achegando os instrumentos de apoio e casos de éxito ás pemes de núcleos rurais de sectores tradicionais; activación de liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais que queren empezar a innovar (como ReAcciona, InnovaPeme, DeseñaPeme e esta de Bonos de Innovación); actuacións de difusión da cultura innovadora; xeración de contidos formativos e realización de asesoramentos personalizados.

Por último, Argerey apuntou que os Bonos, cuxo trámite de solicitude é moi sinxelo, están concibidos como un paso previo a abordar actuacións máis integrais e que requiren dun maior esforzo investidor, como os plans de innovación do Programa InnovaPeme. Entre ambas liñas “definimos un itinerario de apoio que responde á heteroxeneidade do tecido empresarial e dá resposta ás diferentes etapas da innovación ata converterse en valor no mercado”, sinalou.

A directora da Axencia Galega de Innovación adiantou que o número de solicitudes recibidas de empresas da provincia de Lugo na última convocatoria de InnovaPeme duplicou ás de 2020, pasando de representar un 5 a un 13% do total. Argerey sinalou que este dato pon de relevo que o esforzo realizado en difundir as vantaxes de innovar por toda a xeografía galega está dando os seus froitos.

Exit mobile version