Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta responde á alcaldesa de Trabada que mantén o investimento en cultura ao tempo que pon en marcha novos programas específicos para o rural

Lembra que o seu Concello non se presentou ao plan ‘Territorio Cultura’ dotado con 1,2 millóns de euros para reforzar a oferta cultural en pequenos municipios

Lugo, 7 de xuño de 2022. A Xunta de Galicia mantén e incluso reforza o investimento en cultura nos concellos galegos, ao tempo que pon en marcha novos programas específicos para os municipios rurais. Responde así ás críticas da alcaldesa de Trabada sobre a suposta redución de fondos do goberno Galego para actividades culturais en municipios rurais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asegura que “non só se mantén o investimento en Cultura senón que se poñen en marcha plans específicos como o denominado Territorio Cultura, dotado con 1,2 millóns de euros, co obxectivo claro de reforzar a oferta en municipios rurais, semellantes a Trabada. É curioso que a alcaldesa de Trabada critique a falta de investimentos, pero que non presentara ningunha solicitude para este novo programa”.

Para o delegado da Xunta en Lugo isto demostra que ”a alcaldesa de Trabada continúa coa súa política de confrontación coa Xunta de Galicia, terxiversando a realidade e pretendendo confundir aos seus veciños. Pero o certo é que a Xunta segue a investir nesta localidade nas mesmas condicións que no resto de concellos de Galicia e, lembremos, que moitos dos seus proxectos políticos nútrense de axudas que convoca o goberno Galego”.

En ningún caso estamos ante un recorte das axudas a concellos dentro do programa Cultura no Camiño xa que se mantén a cifra dos últimos anos. Arias lembra que no ano 2021 a dotación orzamentaria medrou ata 1 millón de euros, ao tratarse dunha convocatoria extraordinaria co obxectivo de axudar á reactivación cultural que estaba sendo moi afectada pola pandemia.

Sen embargo, este ano Territorio Cultura supera o investimento extra de Cultura no Camiño. Arias Fouz subliña por ultimo que “non se trata dun recorte, senón máis ben o contrario, xa que seguimos apostando por levar a cultura a todos os concellos de Galicia, tal como puido comprobar a propia alcaldesa, que asistiu ao concerto de Luar na Lubre celebrado o pasado domingo na romaxe das Cruces, e financiado pola Xunta, que celebran conxuntamente parroquias dos concellos de Trabada e Ribadeo”.

Exit mobile version