Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ten en proceso de contratación por 1,2 M€ as obras de rehabilitación integral do IES de Foz

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o groso das actuacións vai orientado a reducir o consumo enerxético mediante a mellora do illamento de fachadas e cubertas, a renovación de xanelas e a instalación de luminarias tipo LED

Foz, 30 de xuño de 2022. A Xunta de Galicia ten en proceso de contratación as obras de rehabilitación integral do Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz por un importe de 1,2 millóns de euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o centro para abordar cos membros do equipo directivo as reformas previstas, que teñen por obxecto reducir o consumo enerxético das instalacións e facelas máis confortables. A licitación foi publicada na Plataforma de Contratos de Galicia e hoxe remata o prazo de presentación de ofertas.

O proxecto contempla a reforma do edificio principal -que alberga aulas, a sala do profesorado, a secretaría, a biblioteca e a cafetería-; así como doutro inmoble que acolle o salón de actos, un taller e aulas.

Os traballos de mellora da eficiencia enerxética incluirán a substitución de xanelas por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade, con cámara de aire intermedia e sistema de apertura oscilobatente. Tamén se cambiarán as caixas de persianas e capialzados.

En canto ao illamento, mellorarase na cuberta e na fachada, este último polo exterior con sistema SATE. Tamén se substituirán as luminarias por equipos LED, con regulación de intensidade e detectores de presenza nas zonas comúns.

Actuacións complementarias
Paralelamente faranse outras actuacións de acondicionamento xeral, como a reforma do cortaventos da entrada ao edificio principal de xeito que se recuperará o vestíbulo interior como espazo de estancia e situarase o novo no soportal de acceso ao edificio.

Tamén se colocarán novos lucernarios con mellor estanquidade nas cubertas do edificio principal; renovaranse portas e xanelas interiores; colocarase falso teito acústico en todo o centro salvo nos aseos; repararanse e pintaranse paramentos dentro do recinto educativo e abrillantaranse os pavimentos de terrazo.

Arias salientou que se trata dun proxecto acorde cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica impulsado pola Xunta, “pensado para dar resposta aos retos educativos do futuro, con espazos máis amplos, máis accesibles e máis sostibles desde o punto de vista medioambiental”.

Exit mobile version