A primeira quenda tivo lugar a pasada fin de semana do 17 ao 19 de xullo. Os asistentes coñeceron o venres o traballo realizado polas redeiras de Cabo Burela, visitaron o barco museo Reina del Carmen e tamén a empresa Conservas Faro Burela. O sábado a protagonista foi a Ruta dos Artesáns de Mondoñedo, con visita ao talle de monicreques de Ton Arenas, ao barrio dos Muíños, ao alfar Esquina Atlántica e ao casco histórico de Mondoñedo. E o domingo en Viveiro coñeceron as instalacións de Regal Cerámica e percorreron o paseo fluvial Alcalde Cerdeiras e visitaron a exposición permanente nos Claustros de San Francisco e casco histórico da cidade do Landro.
As IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía seguirán do 23 ao 26 de xuño en San Cibrao, Foz, Ribadeo, A Pontenova e Riotorto.
Co obxectivo de promocionar esta iniciativa nesta edición a Mancomunidade de Concellos da Mariña pon en marcha un sorteo entre as persoas que participen como mínimo en 2 das xornadas – visita ao obradoiro artesán máis actividades -. O sorteo consistirá en 4 premios clasificados en 2 categorías diferentes: 2 premios de experiencias turísticas do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 300 euros cada un e 2 premios de 1 noite para 2 persoas (aloxamento máis almorzo) nun establecemento do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 150 euros cada un.