Site icon Crónica3.com A Mariña

Das Catedrais á Lúa na XXVII Feira da Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

Ribadeo, 9 de xuño, 2022. No IES Ribadeo Dionisio Gamallo non quixeron rematar este curso de volta á normalidade sen celebrar a Feira da Ciencia e Tecnoloxía, unha actividade emblemática que xa vai pola XXVII edición e que baixo o lema “Das Catedrais á Lúa” inclúe traballos moi diversos, algún dos cales xa foron presentados en Coruña, no Día da Ciencia na Rúa.

O alumnado de 1º ESO explica a relación entre a alimentación e dentición nos vertebrados. Para iso amosan cranios de vaca, corzo, cabalo can, tigre, porco, xabaril e coello indicando as principais características dentarias dos herbívoros ruminantes e non ruminantes, dos carnívoros, omnívoros e roedores. Tamén animan a loitar contra a avespa asiática facendo trampas e atraínte caseiro para atrapar ás raíñas da velutina, unha especie invasora que pon en perigo ás nosas abellas.

Por outro lado, o alumnado de 4º ESO, presenta dende traballos elaborados en tecnoloxía coma hoteis para insectos polinizadores ou paradoxos mecánicos ata traballos de xeoloxía, concretamente da Praia das Catedrais. Reproduciron en pasta de modelar faias, grutas, túneis rochoso, ollos, arcos e farallóns e con eles amosan as distintas fases de evolución do cantil e o retroceso da liña de costa. A visita complétase coa exposición titulada “Mulleres que nos levaron á lúa” cedida pola unidade de Igualdade da Universidade de Vigo coa que se trata de visibilizar o traballo das mulleres que hai cincuenta anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa. Coa axuda da Comisión de Igualdade, as alumnas de 1º ESO fan un repaso pola biografía de mulleres como Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Rita Rapp ou Christine Darden. Trátase de mulleres enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiveron como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria do Apolo XI, fixeron de computadoras humanas, deseñaron a alimentación axeitada para os astronautas, descubriron novos combustibles ultralixeiros así coma outras moitas contribucións sen as cales non sería posible o lanzamento exitoso da nave e sen embargo non aparecen nos libros. Deste xeito, promóvese a visibilización das mulleres nas disciplinas científicas e tecnolóxicas, foméntase a atracción das nenas ribadenses cara á ciencia e as enxeñarías e divúlgase o saber porque “os bos costumes non poden perderse”.

Exit mobile version