Site icon Crónica3.com A Mariña

“Embutidos Hermelino” impulsará a súa actividade con novas instalacións en Mondoñedo, tras adquirir máis de 2.300 m2

A empresa construirá unha nave de preto de 700 metros cadrados que lle permitirá, entre 2023 e 2024, expandir a súa actividade de elaboración e venda de produtos alimentarios

Mondoñedo, 7 de xuño, 2022. A xerente da sociedade estatal “Suelo Empresarial del Atlántico”, dependente do Ministerio de Transportes a través de Sepes e xestora de 13 polígonos industriais en Galicia, Beatriz Sestayo, asinou esta mañá ante notario a venda de dúas parcelas no polígono industrial de Mondoñedo coa empresa Embutidos Hermelino, que conta cunha decena de persoas en persoal e que prevé comezar este ano a construción das súas novas instalacións.

A empresa, fundada no ano 1939, é punteira no sector alimentario galego de embutidos e construirá en Mondoñedo unha nave de 700 metros cadrados. A súa elección do polígono industrial, no que disporá tanto de venda como de elaboración no horizonte de 2023-2024, permitiralle impulsar e expandir a súa actividade.

En notaríaa de Mondoñedo, Beatriz Sestayo asinou cos propietarios da empresa, Hermelino Javier Sixto e Maricarmen Trigo, a venda das dúas parcelas, que suman 2.331 metros cadrados, cun custo de 139.687’38 euros.

Con esta importante operación, o polígono industrial de Mondoñedo sumará a curto prazo a unha empresa moi vinculada á comarca, centrada no produto artesanal galego e que distribúe principalmente en Galicia.

Os propietarios destacaron a boa localización do polígono de Mondoñedo e as facilidades que supón instalarse nun polígono industrial como principais motivos para elixir esta área industrial. Recentemente, xa se instalou outra compañía, de produción de formigón, que se sumou aos talleres que xa operaban previamente.

FACILIDADES PARA AS EMPRESAS

A xerente de SEA animou a “inversores a implantar sus áreas de negocio en Mondoñedo, donde recientemente hemos aprobado una ambiciosa oferta de suelo en Derecho de superficie”.

Beatriz Sestayo lembrou que Mondoñedo é un dos polígonos de SEA no que se ofrece chan baixo o réxime de Dereito de Superficie, un sistema similar ao alugueiro con opción a compra, que permite ás empresas instalarse por menos de 80 euros ao mes (ao redor de 800 euros anuais) durante as primeiras anualidades.

O custo das parcelas elévase levemente durante os seguintes anos, pero os adxudicatarios poderán seguir neste sistema ata 30 anos ou ben optar a comprar a parcela. No prezo de venda descóntase parcialmente a cantidade achegada durante os anos anteriores.

Na actualidade, SEA oferta seis parcelas en dereito de superficie, desde os 959’9 metros cadrados ata os 1.441’72, cun canon basee o primeiro e o segundo ano desde 791’92 ata 1.382 euros anuais.

Esta área industrial conta cunha superficie bruta de 70.000 metros cadrados, dos que 39.566 son netos de uso mixto (industrial ou terciario), de fácil acceso cara ao norte de Lugo e os portos da provincia da Coruña, e con aeroportos próximos, como o de Asturias ou o de Alvedro.

Suelo Empresarial del Atlántico é unha Sociedade Mercantil Estatal, participada, maioritariamente, cun 83,44 %, polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España, a través de Sepes, Entidade Estatal de Chan.
No accionariado tamén se integran a Xunta de Galicia, cun 14,91% e ABANCA, como posuidora dun 1,65%.

Exit mobile version