Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis dunha vintena de persoas asisten á xornada “Hai futuro! Novas oportunidades para a empresa rural” en Mondoñedo, organizada por APE Galicia en colaboración co GDR Terras de Miranda

O director de Galicia Business School, Eduardo García Erquiaga, analizou a situación das persoas traballadoras autónomas nas zonas rurais e as técnicas para avanzar nos seus proxectos

Mondoñedo, 7 de xuño de 2022. Ao redor dunha vintena de persoas traballadoras autónomas e pemes de Mondoñedo asistiron hoxe á xornada inspiradora “Hai futuro! Novas oportunidades para a empresa rural”, organizada por APE Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, GDR Terras de Miranda e IGAPE, para potenciar os negocios no rural. No evento, que se celebrou nas instalacións do GDR Terras de Miranda, no Pazo San Tomé de Mondoñedo, participaron o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, e o a subdirectora da Oficina Galicia Emprende, IGAPE, Fany Suárez.

Durante a xornada, Eduardo García Erquiaga, director de Galicia Business School, foi o encargado de impartir o relatorio no que analizou a situación das persoas traballadoras autónomas das zonas rurais e afondou nas técnicas para mellorar o seu desenvolvemento profesional e avanzar nos seus proxectos. O director de Galicia Business School explicou cales son as fortalezas do rural, as novas oportunidades que existen na contorna rural e as técnicas para efectuar unha dixitalización efectiva. Pola súa banda, a subdirectora da Oficina Galicia Emprende, IGAPE, Fany Suárez, tamén informou acerca das liñas de actuación e de apoio que ten en marcha a Xunta de Galicia.

En xeral, o obxectivo deste ciclo de xornadas formativas é inspirar ás persoas autónomas das zonas rurais, animar a emprender, consolidar e repensar o negocio no rural, destacar as fortalezas que ten a empresa nesta zona, e detectar novas oportunidades que chegan da man dos cambios tecnolóxicos e dos cambios nos valores dos clientes. Ademais, esta iniciativa ofrece información sobre o emprendemento, a mellora no desenvolvemento profesional, a consolidación dos proxectos e a reinvención dos negocios.

A próxima parada do ciclo de xornadas será o vindeiro martes, 14 de xuño, ás 20:00 horas en Caldas de Reis. As persoas interesadas xa se poden apuntar en www.apegalicia.gal.

Exit mobile version