Site icon Crónica3.com A Mariña

Merluza D& Burela promociónase entre a cadea de valor do peixe

Burela, 29 de xuño, 2022. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou este mércores en Madrid unha presentación de Merluza D& Burela dirixida a toda a cadea de valor privada, na que participaron representantes dos produtores pesqueiros, exportadores, maioristas e minoristas, peixarías e restauración.

Durante este encontro, que se realizou en colaboración con Armadores de Burela e a Asociación de exportadores de peixes e mariscos, desde a OPP-7 analizáronse os principais retos aos que se enfronta a cadea de valor do peixe fresco, fundamentamente a pescada do pincho, principal especie de interese do porto de Burela.

Este acto tamén serviu para dar promoción e visibilidade á recente certificación coa ecoetiqueta Pescaenverde, que converten á frota de palangre de fondo de Burela na primeira frota de altura certificada polo seu baixo impacto ambiental.

O 100% da frota que pesca a pescada do pincho de Burela en augas europeas cumpre os cocientes impostos para a devandita certificación, cunha baixa pegada de carbono (6,86 kg CO2 eq/Kg) e unha alta taxa de retorno enerxético (5,2% enerxía proteica).

Este acto divulgativo tivo lugar no Restaurante INNSIDE Madrid Gran Vía by Meliá, onde os asistentes puideron degustar un menú especial elaborado con pratos de dous dos principais emblemas do porto de Burela: a pescada do pincho e o bonito do norte: Empanada de Bonito de Burela; Salpicón de Merluza D& Burela; Fish and chips de Merluza D& Burela con alioli de allo negro; Tataki de Bonito de Burela con caviares de aguacate, mango e pemento de Padrón; Merluza D& Burela con chícharos.

O obxectivo deste tipo de encontros é o de poñer en valor as diferentes accións de promoción e logros de MERLUZA D& BURELA, ademais de establecer un marco de diálogo e análise entre todas as partes que forman a cadea de valor do produto pesqueiro.

Esta acción da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela inclúese no seu plan de produción e comercialización, realízase en colaboración con Armadores de Burela e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP.

Exit mobile version