Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo é o escenario da rodaxe de ‘Nena’, primeira curtametraxe de Xosé A. Touriñán

Antía Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e o propio Touriñán son os protagonistas desta curta escrita tamén polo actor e cómico cullerdense. A rodaxe desenvolverase durante toda a semana na parroquia da Couboeira e no centro histórico mindoniense

A Coruña, 29 de xuño de 2022. Durante esta semana, Mondoñedo acolle a rodaxe da que será a primeira curtametraxe como guionista e codirector de Xosé A. Touriñán. ‘Nena’ é unha historia que Touriñán levaba tempo querendo contar e que finalmente escribiu durante o confinamento. Protagonizada pola súa filla, Antía Touriñán, é unha historia luminosa sobre a perda e os afectos.

Carlos Blanco e David Perdomo interpretan ao avó e ao tío da nena, sobre quen pese a súa curta idade recaen responsabilidades emocionais e afectivas coas que non debera ter que cargar tan nova. Localizada no rural galego, a acción desenvólvese completamente en Mondoñedo, con secuencias no centro histórico e na casa gandeira na que reside a familia, situada na parroquia mindoniense da Couboeira.

Touriñán sinala que para este proxecto, producido por Undodez e que conta co apoio da Agadic, quixo rodearse da súa familia e amigos. Ademais de Antía, o seu fillo Andrés tamén ten un pequeno papel e o resto do elenco participante está conformado por compañeiros habituais das súas producións.

O equipo técnico está conformado polo realizador Jairo Iglesias, que exercerá de co-director, o director de fotografía Pedro Tizón, o sonidista Santi Jul e a directora de arte Noela Gutiérrez. A música orixinal é obra de Belém Tajes e José L. Prieto colaborou na escritura da versión final do guión xunto a Xosé A. Touriñán.

Exit mobile version