Site icon Crónica3.com A Mariña

Monitoras da Aula Gaia de Burela realizaron unha visita con alumnado do Virxe do Carme á Cetárea e ao Almacén do Peixe

Esta actividade enmárcase dentro do programa que desde a Aula Gaia do Concello de Burela está a impulsar co alumnado de distintos niveis educativos dos centros de ensino do municipio

Burela, 14 de xuño de 2022. O Centro de Educación Medioambiental Gaia, dependente da área de Medio Ambiente do Concello de Burela, segue a realizar actividades de concienciación e traballo dos valores medioambientais para nenas e nenos, co obxectivo de dar a coñecer a través de actividades ou visitas cuestións que marcan un sinal de identidade para a localidade como os métodos de pesca sostible.

Con este fin, as monitoras de Gaia realizaron unha pequena visita xunto co alumnado de 5º de Infantil do Ceip Virxe do Carme ao Porto de Burela, coñecendo de primeira man as distintas especies que teñen á venda na Cetárea e no almacén do Peixe. A continuación, achegáronse ata a praia do Cabaliño, lugar onde realizaron unha serie de xogos e compartiron unha merenda.

As pequenas e pequenos observaron algunhas das pezas expostas nos dous espazos, recibindo explicacións sobre a súa pesca, as diferencias entre as distintas clases de peixes e mariscos, así como as artes de pesca sostible que predominan na zona e que supoñen un modelo a seguir para outras zonas do territorio.

Este tipo de visitas permiten tamén que as nenas e nenos aprendan cuestións fundamentais que forman parte da cultura e historia local desde as primeiras etapas educativas, sentíndose partícipes da cultura mariñeira e valorando os produtos autóctonos e a gastronomía da comarca.

Exit mobile version