Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz presentará no vindeiro pleno unha proposta de apoio ao pobo saharaui reclamando respectar o seu dereito de autodeterminación

Foz, 28 de xuño, 2022. Dende o proceso de descolonización do Sáhara Occidental, antiga colonia española da que segue sendo legalmente a potencia administradora e que Marrocos ocupa militarmente desde o 1975, Galiza foi sempre solidaria coa causa so Sáhara Occidental. Durante os terribles anos da guerra pero tamén posteriormente, cos acordos de paz, a Galiza converteuse nunha sociedade acolledora desde o primeiro momento de milleiros de nenos e nenas saharauís dentro dos programas de vacacións en paz.

Por esta razón, o noso Concello non pode permanecer calado nin indiferente diante da decisión do Goberno no estado español de dar cobertura e viabilidade ao plan do Goberno de Marrocos para o Sáhara Occidental, o que supuxo unha mudanza radical da postura histórica do estado español nesta materia, onde sempre avogara por unha solución ao conflito en liña co marcado nas mais de 10 resolucións da ONU (tamén a recente 2602 do 29 de outubro de 2021) que recoñecen a soberanía política do Sahara Occidental e por tanto reclaman o dereito á súa libre autodeterminación. Débense pois cumplir as resolucións sempre no mesmo sentido: o reinicio das conversas entre as partes implicadas, Marrocos, Arxelia, Mauritania e o Sáhara Occidental sobre a base do recoñecemento á libre determinación do pobo saharauí.

Cómpre lembrar, así mesmo, que a ocupación marroquí do territorio saharauí, ademais de supoñer unha violación constante do dereito internacional e dos dereitos humanos, constitúe unha ameaza constante á propia supervivencia e seguridade da poboación saharauí, que se viu obrigado nas últimas décadas a abandonar o seu territorio e a procurar refuxio en terceiros países en condicións de de vida de extrema precaridade, como poñen de manifesto todas as informacións a respecto do campo de refuxiados do Tindouf. O plan de autonomía para o Sáhara Occidental dentro do Reino de Marrocos ignora que durante os últimos 47 anos as autoridades marroquís reprimiron sistematicamente calquera movemento polos dereitos do pobo saharauí, e que os seus líderes foron encarcerados ou desaparecidos. En definitiva, a posición expresada recentemente polo presidente do Goberno español rompe o consenso internacional expresado polas Nacións Unidas, a Unión Africana, ou o Tribunal de Xustiza Europeo que reiteradamente non recoñeceron ningunha soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental.

Polo exposto, o BNG de Foz propón ao pleno do Concello amosar o apoio a resolución do conflito do Sáhara no marco do proceso de descolonización sustentado nas resolucións da ONU, incluído o dereito de autodeterminación do pobo saharauí mediante un referendo. En segundo lugar propón rexeitar o apoio do Goberno de España ao plan do Reino de Marrocos de autonomía para o Sáhara Occidental, por non dar cumprimento ás resolucións da ONU ao ignorar o dereito á libre determinación do pobo saharauí.

Exit mobile version