Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro exixe zonas para cans

Viveiro, 25 de xuño, 2022. As veciñas de Viveiro xa levan rexistradas innumerábeis solicitudes nas dependencias do Concello de Viveiro para que se habiliten lugares onde poder estar e desfrutar das súas mascotas. Tamén foron polo menos dúas as recollidas de sinaturas solicitando estas zonas, entregadas á alcaldía solicitando feitos, mais sen inmutarse por parte de María Loureiro.

O BNG de Viveiro, único grupo nestes 3 anos que fixo presión co tema, presentando unha moción hai máis dun ano que resultou aprobada aínda que coa abstención do PSOE de Loureiro, xa remisos daquela de votar a favor desta medida.

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, é moi clara: “Loureiro foi áxil para prohibir cun simple bando os cans na totalidade dos areais as 24h, pero de permitilos en zonas consensuadas non quere nin falar. Igual que se poden prohibir nuns sitios, podense permítir noutros coa mesma modalidade de publicar un bando. Tampouco lle parece servir a modalidade da Ordenanza pois non houbo oco posible en todo un ano para poder redactala, mais sen embargo, si para escribir 2, 3 e até 4 notas de prensa ao día… Que alguén mo explique” di irónicamente Míriam Bermúdez.

O BNG incidirá novamente no vindeiro pleno exixindo, dunha vez por todas, a aplicación desta demanda veciñal ao goberno municipal, así como explicacións por esta negativa.

Exit mobile version