Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cre que se incumpriu a lei no pasado pleno da Deputación ao permitir a participación telemática de Mónica Freire e estudará accións legais

O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que o artigo invocado polo goberno provincial establece que só é posible a participación telemática en situacións excepcionais de forza maior, de grave risco colectivo ou catástrofes públicas que impidan ou dificulten de maneira desproporcionada o normal funcionamento do réxime presencial

Lugo, 8 de xuño de 2022. O Grupo Provincial Popular estudia iniciar accións de índole legal á vista da resposta dada polo goberno da Deputación á pregunta de por que se permitiu participar de forma telemática na pasada sesión plenaria presencial á deputada nacionalista Mónica Freire. Os populares din que non se daba ningunha das situacións excepcionais que o fan posible.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis, estamos absolutamente sorprendidos e abraiados coa resposta que nos dan dende o equipo de goberno provincial. Neste caso, polas respostas á pregunta de por que a presidenta da pasada sesión plenaria, Maite Ferreiro (o presidente da Deputación non puido asistir), permitiu a participación de forma telemática da súa compañeira de partido, a señora Mónica Freire Rancaño, cando a lei di que a participación debe ser presencial, a non ser que haxa algunha motivación como as relacionadas coa covid”. Engade: “ Como iso non sucedeu, porque a propia Mónica Freire participou en actos institucionais do Concello de Ribadeo, entendemos que esa situación de excepcionalidade non se daba”.

Castiñeira explica: “O equipo de goberno alega, fai alusión, o artigo 46,3 da Lei 7 de Bases de Réxime Local, algo que nos parece cómico e absurdo, porque esa non é a situación que se deu no pleno. Ese artigo di que se permitirá participar en forma telemática no caso de que concorran situación excepcionais de forza maior, de grave risco colectivo ou catástrofes públicas que impidan ou dificulten de maneira desproporcionada o normal funcionamento do réxime presencial. É evidente que que a señora Freire non poida acudir ao pleno non é una catástrofe; ou igual o é para o seu partido, pero é evidente que para a provincia non”.

Os populares cren que “é posible, polo tanto, que o pleno se celebrara de maneira ilegal, o que cambia absolutamente as votación, porque o equipo de goberno só ten un voto máis que o PP e ademais faltaba o presidente”. Castiñeira sinala: “Entendemos que isto puido ser decidido de forma interesa. Consideramos que é un asunto grave, e por iso nos reservamos calquera outra posibilidade de actuación, en relación coa presidenta da sesión plenaria ou do equipo de goberno, porque entendemos que non se cumpriu a lei e que non se daban as circunstancias para permitir á señora Mónica Freire Rancaño participar no pleno de forma telemática”.

Exit mobile version