Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro consigue sacar adiante no pleno a súa moción para demandar da Deputación que dote de beirarrúas o acceso á praia de Area

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, apela á responsabilidade da socialista Loureiro e a súa condición de membro do goberno provincial para conseguir a infraestrutura demandada

Viveiro, 20 de xuño de 2022. A praia de Area (Viveiro) é unha das máis coñecidas e visitadas da provincia de Lugo. O PP, preocupado pola falta de seguridade para os peóns que supón a inexistencia de beirarrúas nesta vía de titularidade provincial, tanto no aceso como ao longo da praia, presentou unha moción na pasada sesión plenaria do Concello para instar á Deputación a adoptar canto antes as medidas necesarias para construír tan importante infraestrutura. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, avisa de que estará vixiante para que esta decisión non quede no caixón dos asuntos perdidos.

Os populares teñen claro que as praias son un dos principais activos da economía de Viveiro. Polo tanto, consideran que todo o que ten que ver coa súa promoción debe ser prioritario para o Concello. E a seguridade vial dos veciños de Viveiro e dos milleiros de visitantes que cada verán acoden á praia de Area é cuestión primordial. Por iso presentaron a moción para que dende a institución municipal se inste á Deputación a construír beirarrúas no acceso á praia, polo menos por unha das beiras da estrada, e ao longo da praia. Aos votos dos populares sumáronse os de Por Viveiro, mentres que os demais partidos se abstiveron.

Rodríguez lembra que en Area hai dous hoteis emblemáticos e dous afamados restaurantes, e que o paso de peóns e constante cada día durante os meses de verán. Asegura: “É necesario dotar de beirarrúas canto antes ao acceso a esta emblemática praia de Viveiro”.

Exit mobile version