Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP insta ao goberno provincial a apoiar á Xunta na súa demanda ao Goberno de que transfira as competencias en materia de xestión do litoral

Lugo, 27 de xuño de 2022. A experiencia demostra que é necesario que as competencias para a xestión do litoral estean nas mans da Xunta de Galicia. O portavoz dos populares na Deputación, Javier Castiñeira, anuncia que “o grupo provincial do PP defenderá mañá no pleno unha moción para que a Deputación de Lugo apoie á Xunta de Galicia na reclamación ao Estado das competencias para xestionar o litoral”.

Castiñeira sinala: “Vemos como o Goberno central leva anos prexudicando os intereses das persoas que vivimos na costa. Pretende, como figura no borrador da lei, liberar a costa da acción humana, algo que é absolutamente irracional”. Explica: “A costa significa un valor importante para a nosa provincia. A Mariña é una das principais comarcas de Lugo; ten un fortísimo peso económico, que acaba repercutindo nas rendas dos que aquí vivimos. A costa é un recurso turístico, económico e social, e non pode ideoloxizarse como se pretende dende o Goberno. No regulamento son moitas as edificacións existentes que se ven afectadas pola modificación dos prazos das concesión e outras, como a explotación acuícola que hai proxectada en Burela, que colgan dun fío polo escaso interese do Goberno”.

Os populares destacan que “a Xunta de Galicia está loitando por facilitar a convivencia entre as persoas e a natureza da costa, sempre con respecto e coidando os recursos, pero con dilixencia e determinación para que a costa siga sendo un dos mellores valores e potenciais que ten a nosa provincia”.

Castiñeira engade: “Esperamos o apoio de toda a provincia, esperamos o apoio de todos os grupos porque están en xogo moitos intereses; o litoral na provincia de Lugo é importante a pesar de que esta Deputación non o demostra, porque este presidente ten moi pouca consideración por una das zonas máis importantes da nosa provincia”.

Exit mobile version