Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé: “O goberno de Pedro Sánchez situou de novo á provincia de Lugo na axenda política”

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, xunto ao senador César Mogo, o Deputado Javier Cerqueiro e a Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, fixo balance dos catro anos que pasaron dende o cambio no Goberno do Estado a raíz da moción de censura

Lugo, 3 de xuño de 2022. “O Goberno de Pedro Sánchez devolveu a normalidade e a dignidade ás institucións deste país. Pasamos dun Goberno do Partido Popular, sentenciado xudicialmente por corrupción e paralizado, a ter un Goberno exemplar, que prestixia as institucións, un Goberno solvente con capacidade para facer fronte a crises históricas protexendo á cidadanía, como foi a pandemia e os efectos da invasión de Ucraína, ao tempo que impulsou reformas para seguir ampliando os dereitos sociais e laborais das persoas”.

Así o dixo hoxe en rolda de prensa o Secretario Provincial do PSdeG, José Tomé Roca, na que compareceu ante os medios para facer balance dos catro anos que pasaron dende o cambio no Goberno do Estado a raíz da moción de censura. Nesta convocatoria estivo acompañado polo senador César Mogo, o deputado no Congreso Javier Cerqueiro, e a Secretaria de Organización na provincia, Pilar García Porto.

Tomé Roca remarcou que “Pedro Sánchez situou de novo á nosa provincia, as súas necesidades e oportunidades, na axenda política do Estado, despois do abandono total ó que nos someteu o Partido Popular durante os 7 anos do Goberno de Mariano Rajoy. Uns anos nos que proxectos fundamentais para o futuro da provincia de Lugo estiveron parados, ralentizados ou foron directamente foron eliminados”.

Investimentos na provincia
Nesa liña, o dirixente socialista falou de “feitos”, e puxo enriba da mesa os investimentos do Executivo de Pedro Sánchez na provincia. “O Goberno multiplicou por 4 o investimento destinado á provincia de Lugo nos Orzamentos Xerais do Estado entre o ano 2018 e este ano 2022, pasando de 68,7M€ a 304M€. Somos a terceira provincia de España onde máis medrou o investimento en infraestruturas nos Orzamentos estatais deste ano 2022, con máis de 290M€ para investimentos reais. O AVE chegou a Galicia grazas a este Goberno, que recuperou en tempo récord os anos perdidos polo Partido Popular. Un partido que nos seus anos de Goberno non fixo absolutamente nada pola provincia de Lugo en materia ferroviaria. Só paralizar o que xa estaba en marcha, como certificou nos seus informes o Tribunal de Contas”.

Sinalou tamén que “a día de hoxe, o Goberno ten mobilizados 546M€ para modernizar a liña ferroviaria Lugo-Monforte-Ourense, un investimento que é histórico. E na autovía a Santiago, o Goberno executou neste tempo obras por valor de 332M€.” Ademais, aludiu ao inicio onte mesmo das obras da rotonda da N-VI no enlace coa rúa Alfonso X en Lugo. “Outra débeda histórica que salda este Goberno”, dixo.

O Secretario Provincial acusou ao Goberno do PP na Xunta de Galicia, “de ser incapaz en 13 anos de elaborar un Plan Industrial para Galicia, nin para a provincia, nin para a Mariña, a pesar das veces que llo levamos pedido dende o Partido Socialista”.

E contrapuxo o traballo do Goberno Central en relación ao futuro de Alcoa. “O Goberno arranxou o problema de Alcoa cun acordo que se está cumprindo. Feijóo cansouse de facer visitas e fotos en Alcoa, pero non aportou ningunha solución. E non olvidemos a traizón á Mariña, incumprindo o seu compromiso de que a planta de Altri iría para a comarca, en concreto, para Cervo, algo que dixo o PP, non o PSOE”, replicou.

“Como socialistas, estamos encantados de que Altri vaia para Palas de Rei. Estaremos encantados de que calquera industria se asente en calquera dos 67 concellos da provincia de Lugo, pero queremos tamén recalcar que o que fixo o PP coa Mariña non se fai, non se pode xogar cos concellos e coa xente. Feijóo visitou moitas veces Alcoa, sen dar solucións, pero non fixo o mesmo no caso de Vestas, que pechou, ou no caso de Tegestacín, que se está desmantelando sen que a Xunta de Galicia diga absolutamente nada. Non din nada porque isto si que é da súa competencia, pero todos os postos de traballo son iguais, os de Alcoa, os de Vestas, os de Tegestacín e os de calquera empresa”, argumentou.

Tome Roca incidiu noutra cuestión, “como foi o compromiso e o traballo do Goberno do Estado para ampliar os dereitos sociais e laborais das persoas”. E citou a modo de exemplo iniciativas como a revalorización das pensións de acordo ao IPC. “Unha medida moi importante nunha provincia como a nosa, cunha alta taxa de envellecemento. Quedou atrás a subida de pouco máis de un euro, dun 0,25% que facía o PP, que lle mandaba cartas ós pensionistas para comunicarllo. Valía máis a carta que mandaba que a subida da pensión”.

Tamén lembrou a implantación do ingreso mínimo vital para dar amparo ás persoas máis desfavorecidas. A subida do Salario Mínimo Interprofesional ata os mil euros. A protección dos postos de traballo cos ERTES durante a crise da pandemia. Ou a aprobación da Reforma Laboral, “que está demostrando ser un instrumento eficaz para crear emprego de calidade. O 50% dos contratos que se firman hoxe son indefinidos. Onte coñecemos outro dato de récord: máis de 20 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social, e o paro, por primeira vez desde o ano 2008, está por debaixo dos 3 millóns de persoas”, enumerou.

“Cando houbo máis afiliados á Seguridade Social foi en xullo de 2007 con José Luis Rodríguez Zapatero e agora, en maio de 2022, con Pedro Sánchez”, recalcou.

O líder dos socialistas na provincia de Lugo subliñou así mesmo que un dos maiores éxitos do Goberno “foron os fondos europeos, 140.000 millóns de euros que van permitir modernizar a nosa economía e o modelo produtivo”.

Recuperamos o diálogo social
O Secretario Provincial do PSdeG dixo que “o Goberno recuperou ademais algo que non deberíamos ter perdido nunca, que é o papel fundamental do diálogo social, dos sindicatos e da patronal como axentes de desenvolvemento do noso país. O Goberno recuperou o diálogo ausente na etapa do PP. Nestes catro anos firmáronse 13 acordos cos axentes sociais”.

Por último, asegurou que “os bos Gobernos son os que saben escoitar e dar resposta. E nestes catro anos, a provincia de Lugo tivo no Goberno de Pedro Sánchez un aliado disposto a escoitar, a estudar e a responder. Gustaríame poder dicir o mesmo algún día da Xunta de Galicia”, resumiu.

Somos un socio confiable
Pola súa banda, o senador César Mogo comezou a súa intervención aludindo aos últimos datos do emprego. “As boas políticas dan bos resultados”. E tamén se referiu ao prestixio internacional que ten o Goberno de Pedro Sánchez, ante o cumio da OTAN que se celebrará en Madrid os días 29 e 30 de xuño. “Esto di moito da fiabilidade do presidente do Goberno, somos un socio confiable e o prestixio de España está nun listón moi elevado”, expuxo.

Na súa comparecencia, Mogo remarcou que “a exemplaridade é un elemento fundamental, a corrupción non está nas institucións. Se a corrupción segue hoxe acaparando titulares é debido á xestión do PP”, insistiu.

Ademais, lembrou que unha das primeiras medidas que impulsou o Goberno de Sánchez foi “recuperar a universalidade da sanidade e a eliminación dos copagos farmacéuticos”, do que se benefician mais de 6 millóns de persoas. “Alguén se imaxina como estaría este país se fose gobernado polo PP nos últimos catros anos?”. Onde estaría a universalidade da sanidade, os copagos, canto poder adquisitivo houberan perdido os pensionistas lucenses?”, aseverou.

“Alí en Madrid, vemos aos senadores e aos deputados do PP da provincia de Lugo votando en contra da subida das pensións ou do salario mínimo”, remarcou. E preguntouse tamén en que cambiou o PP dende o mes de abril “xa que votou en contra das medidas para paliar os efectos da guerra, a rebaixa dos combustibles e das axudas aos gandeiros, e xa anunciou que rexeita a ampliación das medidas contra os efectos da invasión de Ucraína”.

Estabilidade orzamentaria moi necesaria
O deputado no Congreso Javier Cerqueiro avanzou que trala moción de censura “conseguimos unha estabilidade orzamentaria moi necesaria para o conxunto do Estado”, e aludiu ás criticas de Feijóo sobre os fondos europeos: “Mentres as autoridades europeas enxalzan a xestión española dos fondos de recuperación, Feijóo acudiu a Bruxelas para desprestixiar estes investimentos tentando manipular a consecución dos 140.000 millóns de euros”.

Cerqueiro aludiu á deficiente xestión do ex Presidente da Xunta, que “deixou sen gastar 1.577 millóns de euros” do Orzamento “cando as familias e as empresas máis o necesitaban”. E insistiu na súa argumentación “ante esta catastrófica oposición do PP, tanto no Congreso como no Senado, vamos a seguir despregando unha intensa actividade lexislativa reformista e social en todo o Estado, como xa fixemos coa aprobación de 140 iniciativas lexislativas”.

Pago gandeiros
O Deputado incidiu ademais en que se actuou “dun xeito dilixente diante dos efectos da guerra de Ucraína”. E aludiu “a que o pasado 30 de maio fíxose o primeiro pago aos beneficiarios das axudas extraordinarias ao sector lácteo, dentro do plan de resposta aos efectos da guerra. Galicia é a comunidade máis beneficiada con 6.434 gandeiros e un investimento de 55.344.209,42 euros”.

Por último, Cerqueiro explicou que o seu traballo no Congreso dos Deputados está centrado “en sacar adiante a nova Lei de Pesca Sostible, tan importante para Galicia, que regula a conservación dos recursos pesqueiros así como a actividade económica e o emprego. E tamén na nova Lei de Cooperación que, despois de anos de abandono do PP, queremos impulsala para que sexa un instrumento útil ao servizo dunha das sociedades europeas máis solidarias”, remarcou.

Exit mobile version