Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro promocionarase como un destino turístico de calidade na Feira Internacional Semana Verde de Galicia

Viveiro, 1 de xuño de 2022. O Concello de Viveiro estará presente cun stand propio na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que terá lugar dende mañá, xoves 2 de xuño, ao próximo 5 de xuño, en Silleda.

Viveiro contará cun stand individual no que ofrecerán folletos de promoción e información sobre o municipio. Ademais, instalarase unha gran pantalla na que se proxectarán, de forma continuada, os vídeos de promoción turística deste municipio e mais da Semana Santa. A presenza de Viveiro nesta feira servirá para dinamizar o seu atractivo turístico, dando a coñecer estas celebracións e os demais recursos do municipio.

A concelleira de Turismo, Marisol Rey Yáñez, o 1º tenente de alcaldesa, Jesús Fernández Fernández, xunto ao persoal da Oficina Municipal de Turismo, estarán na feira mañá xoves 2 de xuño. Ao longo de toda a xornada, a concelleira de Turismo reunirase con diferentes tour operadores de diversas nacionalidades co fin de promocionar internacionalmente os recursos turísticos do Concello de Viveiro.

Ademais, ao longo das catro xornadas, no stand do Concello de Viveiro ofrecerase aos visitantes a posibilidade de probar o pan dos apóstoles, que é o doce típico de Viveiro durante a Semana Santa.

Dende o goberno local destacan que a participación nesta feira de turismo e as actividades previstas contribuirán a promocionar Viveiro como un destino turístico de calidade ao longo de todo o ano.

Exit mobile version