Site icon Crónica3.com A Mariña

A Demarcación de Carreteras vén de reforzar a sinalización dos pasos de peóns na Estrada da Costa ao seu paso por Foz

Foz, 14 de xullo de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece á Demarcación de Carreteras del Estado o reforzo na sinalización dos pasos de peóns na Estrada da Costa, Nacional 642, ao seu paso polo concello.

O rexedor municipal explica: “preocúpanos a seguridade nunha estrada que ten tráfico de autovía, máis de 11.000 vehículos ao día. No noso concello temos varias zonas de travesía: en Fazouro, Nois e Cangas. Na reunión que mantivemos o 14 de decembro na Demarcación de Carreteras, na Coruña, co xefe da Demarcación e a xefa de Conservación en Lugo o concelleiro Carlos García e máis eu trasladámoslles a necesidade de reforzar a visibilidade duns pasos de peóns que poden resultar moi perigosos, especialmente de noite e con mal tempo. Atenderon a nosa petición, polo cal estamos moi agradecidos: a sinalización supón un reforzo na seguridade para as veciñas e veciños que cruzan a estrada a diario”.

Fran Cajoto engade: “estes días vimos como se instalaban sinais indicativas que presinalizan os pasos de peóns, con indicadores luminosos para maior visibilidade. A solución definitiva virá coa construción da autovía A-74, da que xa se publicou o Proxecto de Trazado, pero melloras e reforzos como estes son benvidos”. Ao respecto, o alcalde indica que seguen a traballar para que se impulsen os proxectos de rotondas en Cangas e a mellora do cruce da Corredoira coa estrada a Ferreira.

Exit mobile version