Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclama á Xunta o compromiso de que a entrada en vigor da Lei de mellora integral do ciclo da auga non subirá o recibo que pagan os fogares galegos

O acordo alcanzado hoxe no Pleno inclúe tamén o deseño dun Plan Estratéxico consensuado coa FEGAMP para deseñar as infraestruturas de saneamento, prazos de construción e financiamento das obras, para o que se insta á Xunta a optar aos fondos Next Generation

Lugo, 26 de xullo de 2022. A Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a garantir que a entrada en vigor da Lei de Mellora Integral do Ciclo da Auga, aprobada o pasado mes de xuño no Parlamento en solitario polo Partido Popular, non se traducirá nun incremento do prezo que pagan os fogares lucenses e galegos por un servizo básico. Así se acordou no Pleno ordinario da Corporación Provincial do mes de xullo celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Grupo Socialista.

A voceira socialista provincial, Pilar García Porto, sinalou que na súa redacción actual, a nova lei aprobada polo PP “suporá unha suba media dun 61% no recibo anual dos fogares galegos, que subirá de 53 a 86€ coa creación de tres novos impostos: o canon de xestión de depuradoras, o canon de xestión de colectores e o canon de xestión de abastecementos, polos que a Xunta prevé na memoria económica da propia normativa recadar 50M€ máis ao ano. Un verdadeiro sablazo fiscal que chega no peor momento para os concellos e para a poboación pola crise económica”.

A institución provincial tamén urxe ao Goberno galego a que, no marco do Plan Estratéxico 2022-2030, deseñe un plan estratéxico consensuado coa FEGAMP para determinar as infraestruturas necesarias, o financiamento das obras e os prazos de execución. Fronte á actual proposta da Xunta, que carga aos concellos co 30% do financiamento das novas obras de abastecemento e saneamento, a Deputación reclama que estas infraestruturas opten aos fondos Next Generation e que se garanta aos concellos o retorno dunha parte do canon da auga que actualmente pagan as entidades locais e os veciños.

En opinión de García Porto, “a Xunta impón as condicións e decide onde, cando e como se fan as obras, e aos concellos non lles queda outra que pagar o que a Xunta decida con fondos propios. Isto coarta a autonomía local e supón unha extorsión aos concellos”.

A voceira provincial do PSdeG denunciou “a hipocrisía do PP. Feijóo marcha a Madrid prometendo que vai baixar os impostos, pero sae de Galicia deixando preparada esta suba para os galegos”. A Deputada contrapuxo as medidas sociais adoptadas polo Goberno central, coa actitude da Xunta, “que elimina a Tarxeta Básica que axudaba ás familias máis favorecidas a mercar alimentos e a substitúe por axudas para internet, que non parece unha prioridade neste momento”.

Exit mobile version