Site icon Crónica3.com A Mariña

A Festa da Merluza de Celeiro celébrase este sábado con oito elaboracións diferentes

Viveiro, 14 de xullo de 2022. O Concello de Viveiro acolleu esta mañá a presentación da XXIII Festa da Merluza de Celeiro, que se celebrará este sábado ás nove da noite na carpa instalada ao carón da piscina municipal.

Participaron na presentación a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o tenente de alcalde, Jesús Fernández; Ana González Abelleira, deputada da Deputación de Lugo, e Juan Canoura, presidente da Asociación Cultural e Deportiva Penalba.

As persoas asistentes a esta festa de Interese Turístico Galego poderán saborear oito elaboracións diferentes cos 800 quilos de merluza doados por Puerto de Celeiro.

“Quero agradecer o traballo da Asociación Cultural e Deportiva Penalba e a colaboración da Cofradía de Pescadores de Celeiro e do grupo empresarial Puerto de Celeiro, ademais do apoio da Deputación de Lugo”, afirmou a alcaldesa.

“Aínda que durante semanas esta festa correu o risco de non poder celebrarse, o Concello de Viveiro asumiu facerse cargo desta carpa de grandes dimensións nas inmediacións da piscina municipal; estábamos na obriga de facer todo o posible, xa que esta é unha das citas do ano en Viveiro e serve ademais como reactivación da economía local e do sector servizos”, engadiu.

A Festa da Merluza é un dos eventos gastronómicos máis importantes da comarca e caracterízase pola implicación dos veciños e veciñas da parroquia e de todo o concello, colaborando coa Asociación Cultural e Deportiva Penalba para que todo sexa un éxito.

“É unha alegría que poidamos disfrutar novamente desta Festa e saborear unha boa cea; non podía ser doutra maneira cando o ingrediente principal é a merluza do pincho, pescada con palangre polos barcos de Puerto de Celeiro en aguas do Gran Sol, sempre baixo criterios de sostenibilidade medioambiental e social”, rematou María Loureiro.

Exit mobile version