Site icon Crónica3.com A Mariña

A mostra “Mariñas, marosas e maruxainas” da Rede Museística pode verse na Oficina de Turismo de Xove ata finais de agosto

Lugo, 19 de xullo de 2022. A Oficina de Turismo de Xove acolle desde este martes e ata finais de agosto a mostra “Mariñas, marosas e maruxainas”, formada por 16 retratos e outros tantos textos de traballadoras do mar e da terra, unha por cada concello da Mariña.

As fotografías, asinadas por Germán Limeres, Xosé Reigosa, Ignacio Castro “Nachok” e Lucía Sánchez, amosan o paso do tempo polas facianas e as mans de pescantinas, redeiras, mariscadores, percebeiras, empregadas de conserveiras, taberneiras ou labregas. Da mesma maneira, os textos, de autoría feminina, visibilizan as historias de vida doutras mulleres anónimas.

A mostra forma parte do proxecto “Amar a mar”, coordinado pola xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago e impulsado pola Vicepresidencia da Deputaciónn de Luo polo 50 aniversario do Museo do Mar de San Cibrao, celebrado en 2021, que aborda, desde distintos enfoques temáticos, a importancia do mar na configuración cultural e material da comarca da Mariña.

“Mariñas, marosas e maruxainas” continúa así a súa itinerancia polos concellos da Mariña, despois de visitar Foz, Ribadeo e Barreiros.

Exit mobile version