Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares insiste no progresivo desmantelamento do Feve “tal e como nos trasladaron desde Comisións Obreiras”

Só unha persoa “ausente da realidade da comarca” pode asegurar que o Feve está en bo estado, cando se suceden as queixas dos veciños e aumentan os incidentes que fan crecer a preocupación pola perda deste servizo

Cervo, 26 de xullo de 2022. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, vén de insistir na necesidade de “estar alerta” ante o que definiu como o “progreso desmantelamento” do ferrocarril de vía estreita (Feve) unha situación da que foron advertidos polos representantes de Comisións Obreiras.

O rexedor lembra que os alcaldes da Mariña mantiveron un encontro a semana pasada co sindicato Comisións Obreiras “na que nos trasladaron estas deficiencias” e a preocupación pola decadencia deste servizo.

“Todas as manifestacións e todas as inquedanzas que expliquei na prensa, foron comunicadas e referendadas polos representantes dos traballadores. Falouse dunha perda paulatina de postos de traballo. Hai seis anos había 12 persoas e hoxe tan só sete, para prestar todos os servizos”.

“Falouse tamén da falta de reforzos dos trens na época estival ou polas festas, a pesar de que hai máis visitantes e, polo tanto, máis posibles usuarios. De feito, son moitas as ocasións que queda xente en terra por non ter sitio no tren, porque soamente empregan un ou dous vagóns”.

“Explicáronnos finalmente problemas estruturais, que a rede ferroviaria está moi obsoleta, que falta persoal e pezas para realizar reparacións ou mantemento. Incluso confirmaron que Feve decidiu suprimir o tráfico de mercadorías, o transporte de aluminio e de madeira”.

Oídos xordos do Ministerio ante as reivindicacións de mellora

Villares lembrou que hai cinco anos constituíuse unha plataforma de municipios en defensa do ferrocarril na comarca pero que, ante o deterioro da situación resulta evidente que o Ministerio de Transportes fixo caso omiso ás reivindicacións que se lle trasladaron.

Explicou tamén que o propio sindicato leva máis dun ano solicitando unha entrevista co delegado do Goberno central en Galicia, sen obter resposta.

Defender o bo estado de Feve é estar fóra da realidade da comarca

O rexedor popular di que só unha persoa “ausente da realidade da comarca” pode asegurar que o Feve está en bo estado, cando se suceden as queixas dos veciños e aumentan os incidentes que fan crecer a preocupación pola perda deste servizo, como así nolo fixeron saber os representantes sindicais.

Con todo, o rexedor di non ter ningún interese en confrontar con ninguén “Eu débeme exclusivamente aos meus veciños e estou ao seu servizo. E por respecto a eles non vou a confrontar con alguén que non vive na comarca e que tira dun argumentario que lle mandan os seus superiores, aos que se debe, e no que se describe unha situación que non se corresponde coa realidade da comarca, nin coas reivindicacións dos veciños da Mariña”

Exit mobile version