Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata o domingo celébrase en Ribadeo o X Curso de Iniciación ao Jazz

Ribadeo, 29 de xullo de 2022. Hoxe deu comezo en Ribadeo o X Curso de Iniciación ao Jazz, que organiza a asociación cultural Bruar. Conta con 25 alumnas e alumnos en 5 especialidades e rematará o domingo ás oito da tarde cun concerto no Campo de San Francisco.

O presidente de Bruar, Rubén Solloso, indicou que “este ano temos como novidade a profesora de canto, é a primeira vez en dez anos que temos profe de canto e tivo moi boa acollida, con moita participación. Estaremos os tres días aquí, na Escola de Música, de intenso traballo e remataremos cun concerto o domingo as oito no Campo de San Francisco, ao que esperemos acuda moita xente e esperemos que sexa un éxito como en edicións anteriores. Estamos moi contentos por que temos un profesorado estupendo este ano, eu creo que vamos sempre a mellor, vamos mellorando edición a edición e esperemos que siga así en edicións seguintes”.

Solloso tamén explicou que “contamos con 25 participantes este ano, divididos en cinco especialidades. Gustaríame destacar que é a primeira vez que organizamos este curso dende a asociación cultural Bruar, que foi creada máis que nada para a xestión deste evento. Agora mesmo estamos en proceso de captación de socios, temos arredor de 40 e estamos esperando e facendo xestións para que ese número aumente e que o pobo de Ribadeo apoie esta asociación e que iso nos permita seguir realizando actividades”.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, deulles a benvida esta mañá na Escola de Música ribadense: “dende a Concellaría de Cultura sempre estamos moi contentas de que dende o asociacionismo se impulsen iniciativas. Esta xa é unha iniciativa consolidada na que colaboramos dende o minuto un e encantadas de que sexa un éxito, de que siga vindo xente a participar neste curso e que ademais logo no concerto, como ben dicía Rubén, sempre é un éxito sempre hai un montón de xente. Convido a todos os ribadenses e aos que veñen visitarnos a que veñan ver este estupendo concerto o domingo no Campo de San Francisco ás oito da tarde”.

Exit mobile version