Site icon Crónica3.com A Mariña

Iago Míguez non seguirá no Pescados Rubén

Burela, 20 de xullo, 2022. No día de hoxe anunciamos que deixa o equipo un xogador vital con ADN laranxa. Iago Míguez deixa o clube tras dez tempadas defendendo a camiseta do primeiro equipo. O burelense é unha seña de identidade do clube e demostrou liderazgo, traballo e implicación nos seus anos na plantilla. Iago, que xa foi formado nas categorías inferiores do conxunto mariñán, non continuará a seguinte campaña.

Formulámoslle unha serie de preguntas con motivo da súa marcha que respondeu:

Con que sensacións deixas o equipo?

“É moi complicado deixar o clube do teu corazón. En Burela formeime tanto persoalmente como profesionalmente e os mellores anos da miña vida como xogador paseinos tamén aquí. Burela foi a miña casa, onde me inculcaron todos os valores do deporte”

Estás satisfeito co teu rendemento no clube?

“Si en xeral si. É certo que houbo anos mellores e peores, pero eu creo que ao final me vou coa satisfacción dar todo polo meu pobo, polo clube e a camiseta”.

Como valoras a túa gran etapa no equipo, co cal estiveches vinculado tantos anos?

“Foi unha pasada gozar tanto tempo e defender ao teu pobo por toda España, ao final defender iso é algo moi grande. Calquera deportista profesional se estivese na miña situación sabería o que é. Creo que fun un privilexiado todo este tempo, facendo o que máis me gusta onde quixen, e cumprindo un soño desde pequeno”.

Que é o que máis vas botar de menos do Burela FS?

“Vou botar de menos todo. Principalmente defender o equipo diariamente, ir a Vista Alegre xogar coa afección á cal lle agradezo eternamente todo o que fixo por min e polo equipo. Xogar para o meu pobo todos os sábados vouno botar moito de menos.”

Algún momento especial que lembres co equipo?

“Moitos. Pero se me teño que quedar cun foi representar ao Burela FS nas Copas de España. O sentimento que tiven nesta competición antes de saltar á cancha nunca na miña vida sentín algo igual. A motivación que tiven neses partidos nunca na miña vida tiven sensación parecida. Quería gozar da pista, gozar o momento. Co pavillón a rebosar, cámaras por todos os lados, a túa afección apoiándoche a moitos km de distancia para min foi algo inesquecible”.

Algunha declaración que lle queiras dar á afección?

“O único que lles podo dicir é que lles estou eternamente agradecido por apoiarme todas estas tempadas. Eu empecei sendo un afeccionado máis desde as bancadas, crecín animando ao equipo, e despois vivín tamén desde a pista á afección, e vin que é envexable. Dígolles que non deixemos de animar ao equipo, eu vou seguir sendo un máis, e vou seguir apoiando ao equipo. Que nunca cambien que son unha afección moi grande, un foco de atención no fútbol sala en España. Nunca os vou a esquecer”.

Desde o clube agradecemos enormemente todo o que representou este xogador en todos os ámbitos, xa desde tan novo. Converteuse nun exemplo para seguir para moitos e sempre será unha institución na familia laranxa. Desexámoslle sorte no seu futuro.

Exit mobile version