Situados no Campo dos Paxariños, na Praza Jaime Cabot e no aparcadoiro dos Xulgados están en funcionamento dende a pasada semana
Coa instalación deste equipamento o goberno local “trata de posicionar como punto de recarga nunha extraordinaria área de descanso monumental: Mondoñedo. Igualmente, entendemos que é un atractivo para animar a entrar na cidade mindoniense”, explica o rexedor local.
O obxectivo principal é o estímulo do uso de vehículos eléctricos, que é unha das actuacións incluídas no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía aprobado pola entidade local.
Distribución
Son oito os puntos de recarga dispoñibles cunhas dimensións correspondentes á dunha praza de aparcamento cada unha máis o correspondente espazo adxacente para a colocación do cargador e a acometida á rede de subministro eléctrico.
Os puntos de recarga distribúense do seguinte xeito:
– Un punto de recarga, con catro postes, no Campo dos Paxariños, preto da área para estacionamento de autocaravanas. Neste caso, a instalación desde punto obrigou a cambiar de ubicación o contedor de recollida de roupa.
– Outros dous na Praza de Jaime Cabot empotrados no muro xa existente e coas prazas en batería.
– Dous no aparcadoiro dos Xulgados tamén coas prazas en batería.
Concesión
O Concello sacou a concurso a concesión do servizo por unha duración de 15 anos susceptible de prorrogarse por outros 5 anos máis. Ao proceso, que seguiu os trámites indicados polos servizos xurídicos, presentáronse tres ofertas, unha delas fóra de prazo. O servizo foi adxudicado á máis vantaxosa, a oferta presentada por Iberdrola que ofrece un canon equivalente ao 15% da facturación anual.
A empresa concesionaria será a encargada de manter a superficie e o seu entorno inmediato en perfectas condiciones de seguridade, salubridade e ornato. Así mesmo, deberá utilizar unha tecnoloxía adecuada de conformidade co progreso da técnica e das condicións do mercado.