Site icon Crónica3.com A Mariña

Mulleres de San Ciprián e a Fundación Alcoa colaboran no axardinamento dun espazo contiguo á Casa do Mar

Socios e voluntarios instalaron novos equipamentos de ornamentación sostible no parque Raíña Sofía

Cervo, 13 de xullo de 2022. Un grupo de socias e socios da Asociación Mulleres de San Ciprián en colaboración coa Fundación Alcoa e no marco do programa de voluntariado Plan Acción, veñen de participar no axardinamento dun espazo contiguo á Casa do Mar.

A actividade, ademais de contribuír ao embelecemento dunha parte moi concorrida do parque Raíña Sofía -próxima ao acceso ao salón de actos e ao bow skate- supón unha aposta pola reciclaxe e o respecto ao medio ambiente, xa que para a instalación dos novos equipamentos de ornamentación empregouse material usado, como pneumáticos e taboleiros reacondicionados.

No desenvolvemento dos traballados contaron coa presenza do novo director da factoría de alumino, o enxeñeiro Manuel Fernández e da responsable de relacións coa comunidade desta empresa, Hilda Rubal, que xunto aos socios e voluntarios participaron nos traballos de ornamentación.

A Fundación Alcoa aposta por mellorar as comunidades onde está presente. Dentro dos diversos proxectos e programas que desenvolve destacan os programas de voluntariado corporativo. No marco destes programas os voluntarios da compañía prestan o seu apoio a numerosas iniciativas de diversas entidades.

Desde a Asociación Mulleres de San Ciprián queren agradecer a colaboración da Fundación Alcoa, dos voluntarios do servizo de xardinería do Concello de Cervo -nomeadamente a Óscar- e a asistencia don bo número de socios polo gran traballo realizado e a axuda que sempre prestan nesta e noutras actividades do colectivo.

Exit mobile version