Site icon Crónica3.com A Mariña

Numerosas persoas asistiron este sábado á Romaría de Santo Estevo do Ermo

Barreiros, 4 de xullo de 2022. A asociación Camiñantes e Camiños, de Barreiros, fai un balance positivo da Romaría de Santo Estevo do Ermo, que se celebrou o pasado sábado. O seu presidente, José Manuel Gómez Puente, agradece a participación da veciñanza no evento.

O presidente do colectivo organizador contou que “a Romaría empezou coa peregrinación a Santo Estevo a pé dende praza do Concello para asistir a misa cantada e na procesión vivíronse os momentos máis emotivos”.

Unha das actividades que máis chamou a atención foi a exposición de pintura: “gustou moito e hai que destacar que foron vendidos cinco cadros. Quero agradecerlles a todos os pintores: Olivia C. Rozas, Cesar G. Berciano, Estibalid, Angel Carregal e Isidro Alvariño a súa participación”, seguiu a relatar José Manuel Gómez Puente.

O presidente de Camiñantes e Camiños dixo que “a xente estaba con ganas de festexar e así non faltaron os bailes, cantos e sobre todo as comidas de amigos e familias recordando as romarías de antes. Houbo partidas de tute. Este ano os gañadores foron a parella formada por Oliva de Celeiro e Manolo Fortuna de San Cosme. Tivemos maxia con Mago Rafa, música co dúo En Clave de Ti e queimada popular co conxuro do mestre druída Suso O Marqués”.

Para José Manuel Gómez Puente “vivimos todos os que asistimos unha xornada especial cun bo ambiente de amizade. Esta paraxe máxica fixo que moita xente o pasara ben e que con seguridade para o ano volvamos todos e todos e con máis amigos. Quero aproveitar para agradecer a presenza na Romaría da Coral Airiños do Mar, do Mago Rafa, do dúo En Clave de Ti e de Suso O Marqués. E dar as grazas tamén á xente que colaborou co seu traballo para todo saíse ben e á veciñanza por acudir a esta cita. Desde a organización seguiremos traballando para que o vindeiro ano teñamos unha romaría aínda mellor”.

Exit mobile version