Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro denuncia que aínda non están feitas as solicitudes de Augas en Campo de Verdes

Viveiro, 4 de xullo, 2022. No anterior pleno do 3 de xuño, Míriam Bermúdez presentaba unha solución á veciñanza de Campo de Verdes mentres que Loureiro insistía en que sen aprobar o PXOM non era posible facer nada.

A estreitez do vial de Campo de Verdes impide servizos básicos e vitais á veciñanza, unha cuestión “preocupante cando estamos a falar de que nin bombeiros nin ambulancias medicalizadas poden acudir ao lugar” afirma Míriam Bermúdez. No pleno, a edil do BNG afirmou que “si era posible o retranqueo do muro e o ensanche desta estrada solicitando unha modificación puntual das normas ubanísticas, as cales permitirían ensanchar e actuar sen o PXOM aprobado.”

Unha afirmación que fixo cambiar o discurso da alcaldesa, María Loureiro, pasando a dicir que “estamos pendentes dos informes favorables de Augas de Galiza para poder facer o retranqueo do muro”. Míriam pideu a continuación que se compartise esta nova documentación, da que nada se sabía, mais pasou máis unha semana e a alcaldía segue sen compartir ningún documento sobre este suposto caso.

Polo que Míriam Bermúdez, reincidindo, remata de rexistrar un documento solicitando que se comparta na maior brevidade toda a documentación existente relacionada co ensanche no camiño de Campo de verdes, tales como acordos coas persoas propietarias do muro, documentación intercambiada con Augas de Galiza, etc.

“De existir a documentación, non se entende esta negativa nin esta opacidade” dixo Míriam Bermúdez, e recorda que “tamén a veciñanza da Misericordia está nunha situación moi semellante agardando por respostas e accións da alcaldía.”

Exit mobile version