Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello concede 27.000€ á asociación cultural Santa María do Campo e San Roque para a organización das festas de Ribadeo

Ribadeo, 20 de xullo de 2022. O Concello concedeulle unha subvención nominativa por importe de 27.000 euros á asociación cultural Santa María do Campo e San Roque para a organización dos festexos do copatrón e da patroa.

Nas últimas horas tivo lugar a sinatura do convenio de subvención nominativa pola que o Concello de Ribadeo lle outorga á asociación cultural Santa María do Campo e San Roque 27.000 euros para a organización das festas de San Roque e das Patronais.

O convenio foi rubricado polo alcalde, Fernando Suárez, e polo presidente da asociación, Martín Graña, asistidos polo secretario en funcións, José Rodil. Tamén estiveron presentes no acto a concelleira de Cultura, Pilar Otero, e a técnica municipal de Cultura, Neves Paz.

Otero Cabarcos declarou que “esta subvención únese ás que teñen asignadas nominativamente 16 celebracións na maioría das parroquias ribadenses. Trátase dunha partida xestionada pola área de Cultura que contribúe a que se sigan mantendo estes eventos que sempre supoñen un aliciente na vida social e asentan a tradición das festas patronais”.

A concelleira de Cultura engadiu que “evidentemente a colaboración económica é moi importante para a organización das festas patronais, pero esta súmase á cesión de espazos para a recadación de cartos a través da instalación de barras ou venda de entradas para algunhas actuacións ou concertos este verán e á loxística que poidan precisar para todo o que organice a comisión das festas, tal e como vimos facendo desde o primeiro momento”.

Exit mobile version