Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz fai un balance moi positivo das Festas do Carme

Foz, 20 de xullo de 2022. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, fai un balance moi positivo das Festas do Carme da vila, que define como “as máis tradicionais e sentidas, nun ano que está a ser realmente espectacular”.

O rexedor municipal destaca que “o verán en Foz está a ser xa un auténtico éxito, estamos rachando cifras de ocupación e de afluencia de visitantes. Moitas persoas que son asiduas da vila trasládannos o atractivo de Foz e saben o esforzo que estamos a facer, aínda que non é suficiente”.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca a recuperación da normalidade da programación, aínda que con cambios que chegaron para quedarse: “A misa solemne é o segundo ano que se oficia ao aire libre, en Conde de Fontao, e coido que, por imperativo popular, vai ser a norma. As rúas engalanáronse coma nunca, houbo moito público nos distintos concertos e en todas as verbenas. Hai moitas gañas de saír e relacionarse. Todo saíu moi ben, aínda que sempre anotamos pequenas cousas para corrixir en próximas edicións. Quédome coa gran satisfacción de ver á xente desfrutar”.

O alcalde agradece a todos os que fixeron posible co seu traballo esta gran celebración: a asociación O Noso Foz, persoal municipal e externo de montaxe, limpeza viaria e recollida de lixo, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, persoal técnico de toda índole, músicos, asociacións folclóricas e un largo etcétera. Sen esquecernos da Confraría da Virxe do Carme e de todas as veciñas e veciños que estiveron moitas semanas deseñando, preparando os materiais e confeccionando unhas alfombras que engalanaron coma nunca o noso pobo e que son un auténtico aceno de identidade de Foz. Como traballan todos xuntos os veciños da vila para adornala é digno de ver, de contar e de agradecer”.

Exit mobile version