Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz instalou un punto de información violeta para as festas do Carme

Foz, 15 de xullo de 2022. O Concello de Foz, nestas festas do Carme que estamos a vivir, acaba de instalar hoxe, venres, un punto de información violeta, “un espazo onde a finalidade é previr, sensibilizar, atender e informar de maneira personalizada ao público en xeral, ademais de dar axuda e apoio a calquera vítima de agresión sexista, acoso ou abuso sexual de calquera índole”, anunciou a concelleira de Muller e Igualdade, Ana Rojo, quen engadiu que “a finalidade deste espazo non é outra que a de informar, concienciar e previr para disfrutar das nosas festas de Foz baixo o respecto e as relacións cordiais cara ás mulleres”.

“Que todas as mulleres que viven, visitan, veranean ou veñen disfrutar das nosas festas estean libres de calquera acoso, abuso, ou humillación que se puidera dar”, comentou Ana Rojo, quen indica que “este punto está instalado na Avenida da Ribeira, cerca do centro social e do porto deportivo. Atópase debidamente sinalizado, incluso moito antes de chegar a el, para que o público en xeral saiba onde está situado”.

Ademais a concelleira de Muller e Igualdade destaca que “o persoal de Mulleres en Igualdade que atende este punto violeta está perfectamente cualificado para facilitar todo tipo de información, dando cobertura e apoio no caso de necesitalo ante calquera posible vítima ou persoa que así o demande”.

O horario de atención ao público é dende as dez da noite ata a unha da madrugada hoxe, venres 15, e mañá, sábado 16.

“Boas festas e bo trato de igual a igual!”, remata Ana Rojo.

Exit mobile version