Site icon Crónica3.com A Mariña

O Mercado Medieval de Alfoz “axuda a consolidar A Mariña e a provincia como destino turístico”

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, participou na inauguración desta “fermosa cita coa nosa historia, coa cultura, que serve, ao mesmo tempo, para impulsar o noso futuro porque a gran cantidade de xente que atrae dinamiza a actividade económica do concello, da hostalería, do comercio e do turismo”

Lugo, 15 de xullo de 2022. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, participou este venres na inauguración do Mercado Medieval de Alfoz, unha cita que se celebra durante esta fin de semana no concello mariñán. A Deputación de Lugo apoia un ano máis este encontro coa historia cunha achega de 7.500€ a través do Plan Único. “Dende a Deputación, imos colaborar sempre cos concellos en iniciativas coma esta, que poñen en valor o noso rural, as nosas tradicións”, apuntou a Deputada, que estivo acompañada no acto polo Alcalde, Jorge Val Díaz, e polo pregoeiro, Pedro Raimunde Figueira.

Mayra García subliñou que “festas como o Mercado Medieval de Alfoz axudan, ano tras ano, a consolidar a comarca da Mariña e o conxunto da provincia de Lugo como un dos destinos turísticos preferidos, tanto polos visitantes nacionais como internacionais”. Trátase, asegurou a Deputada, dunha “fermosa cita coa nosa historia, coa nosa cultura, que serve, ao mesmo tempo, para impulsar o noso futuro porque, sen dúbida, a gran cantidade de xente que atrae o Mercado, dinamiza a actividade económica deste concello, da hostalería, do comercio e do turismo”.

O Mercado Medieval reúne entre hoxe e mañá música en vivo, bufóns, espectáculos de circo, exposicións e a entrega de medallas. A cita coa historia en Alfoz é unha das máis antigas da provincia e este ano suma ao programa a Queima da Fachada do Castelo de Castrodouro, que terá lugar mañá sábado, ás 23:00 horas, poñendo o broche final a dous días cheos de actos.

Exit mobile version