Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz pon en valor as obras de mellora do IES e agradece a “boa vontade da delegación da Xunta” para investir 1,2M€

Os populares din que “dende o grupo municipal do PP seguimos traballando dende a oposición en favor do municipio, nunha oposición construtiva, como o proba que as obras máis grandes que se fan nesta lexislatura, como son a depuradora e esta do IES de Foz, foron xestionadas por nós”

Foz, 1 de xullo de 2022. O goberno municipal de Foz (PSOE) é incapaz de dar solución ás principais necesidades do municipio. O grupo municipal do PP, sempre atento a buscar investimentos para o concello, está detrás dalgunhas das máis importantes obras en Foz.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “O anuncio das obras no centro de IES de Foz pola Xunta de Galicia é unha magnífica noticia, porque son moi necesarias e demandadas pola dirección do centro, demanda que o grupo municipal do PP trasladou á Xunta mediante unha moción en setembro do ano 2019”. Castiñeira explica que “dende aquela fixemos o seguimento e tratamos de que esta obra non caera en saco roto”. Os populares de Foz recoñecen “que a pandemia complicou a disposición de fondos; estamos a falar de 1.200.000 euros”. Indican que sempre viron “moi boa vontade na delegación da Xunta de Galicia para acometer esta obra, que é un investimento moi similar ao que xa se fixera no ano 2018 no colexio número 1, que transformou e modernizou o centro”.

Castiñeira di: “Agora, con máis de 40 anos de existencia, tócalle ao edificio de bacharelato, ao IES, que ademais únese aos moitos investimentos que xa se fixeron neste centro, polo que felicitamos ao director pola súa xestión, sempre con respecto, con moita dilixencia e moi eficaz. Pedimos paciencia, cando cheguen as obras, aos profesores, alumnos e familiares, posto que son obras maiores e imos ter que convivir un tempo con elas”.

O portavoz popular sostén que “dende o grupo municipal do PP seguimos traballando dende a oposición en favor do municipio, nunha oposición construtiva, como o proba que as obras máis grandes que se fan nesta lexislatura, como son a depuradora e esta do IES de Foz, foron xestionadas por nós, sempre a disposición para cubrir as necesidades do noso concello”.

Exit mobile version