Site icon Crónica3.com A Mariña

Sae a contratación o paseo marítimo entre Peizás e A Pampillosa, en Foz por 1,09 M€

Foz, 22 de xullo de 2022. Este venres, día 22 de xullo de 2022, saíu publicada no Boletín Oficial do Estado a licitación das obras da nova senda peonil entre as praias de Peizás, en Forxán (San Martiño) e A Pampillosa (Fazouro) por 1,09 millóns de euros (IVE incluído). Segundo establece a Plataforma de Contratación do Sector Público, a presentación de ofertas remata o 5 de setembro deste ano e as obras terán un prazo de execución de 9 meses desde a sinatura do contrato. Licitadas pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente, suporán a construción dunha nova senda peonil entre Peizás e A Pampillosa con máis de 1,5 quilómetros de lonxitude e un ancho medio de 2,80 metros, ademais da ampliación da superficie do paseo da Rapadoira nunha lonxitude de 202 metros.

O alcalde, Fran Cajoto, móstrase “moi agradecido pola implicación de todos aqueles que escoitaron as demandas do Concello e posibilitaron avanzar nun proxecto concibido no ano 2007: Servizo de Costas, Subdelegación e Delegación do Goberno e moitos outros actores. Esta gran obra vai resultar un gran impulso para Foz, para o turismo e para os veciños da zona. A gran carta de presentación de Foz é o seu paseo marítimo; con esta actuación vamos conseguir conectar 15 quilómetros continuos de paseos e sendas en plataformas independentes e seguras a carón da costa”.

O rexedor municipal destaca: “estamos a plasmar realidades, feitos. Os proxectos tardan, pero están saíndo. Colaboramos con distintas administracións: grazas á Deputación estamos facendo obras como a Costa do Castro, proximamente Irmandiños e asfaltando e aglomerando viais en parroquias, avanzamos co Goberno do Estado no paseo marítimo e na redacción do proxecto do Terceiro Acceso e Rotondas de Cangas, que agardamos que teñan un impulso, e coa Xunta de Galicia o inicio dunhas obras da depuradora que levan demasiados anos de retraso. Son moitas horas de xestión pero é moi gratificante cando ves os resultados”.

O alcalde remata comentado que “a de hoxe é unha grandísima noticia. E isto é froito de persoas con nomes e apelidos: os técnicos redactores, o delegado do Goberno, José Miñones; a subdelegada, Isabel Rodríguez, e o Xefe de Demarcación de Costas, José Miguel Estevan. Moitas grazas”.

Exit mobile version