O Deputado de Participación Cidadá, o Alcalde fonsagradino e o presidente da Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro inauguraron a mostra, que poderá visitarse ata o 30 de agosto no Instituto Vello do municipio da Montaña
Roberto García Pernas destacou no acto a importancia de apoiar iniciativas dende a institución provincial que permitan “dar visibilidade e poñer en valor o traballo que levan a cabo as persoas con discapacidade nas empresas, pero tamén o papel das propias empresas, un aspecto moi importante para lograr a súa inclusión plena, en igualdade de condicións, a nivel social e laboral”.
“Esta colaboración forma parte da nosa aposta polas políticas sociais, que son xa unha sinal de identidade da Deputación de Lugo. O noso compromiso neste sentido, moitas veces suplindo as responsabilidades doutras administracións, visualízase ben nas cifras dos Orzamentos, dos que dedicamos máis dun terzo, 34M€, a este tipo de accións”, valorou o Deputado.
Ata o 30 de agosto, A Fonsagrada acollerá esta exposición, que xa pasou polos concellos de Monforte de Lemos, Vilalba e Viveiro, e que nas vindeiras semanas recalará en Foz e Lugo. Coincidindo coa última parada desta mostra, que terá lugar en setembro no Pazo de San Marcos, haberá unha xornada de formación sobre os Centros Especiais de Emprego que será aberta á cidadanía.
García Pernas animou á veciñanza a visitar esta exposición, que demostra que “estes traballadores e traballadoras son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”.
Cegasal
Cegasal é unha organización que se constituíu en Galicia en 1997 co obxectivo de fomentar o emprego de calidade para as persoas con discapacidade e risco de exclusión social. Agora mesmo, Cegasal conta con 35 centros especiais de emprego asociados, isto é, empresas de titularidade privada nas que polo menos o 70% do cadro de persoal está conformado por traballadores e traballadoras con discapacidade. No seu conxunto facturan uns 44M€ anuais.
Na provincia de Lugo, Cegasal conta con dous centros especiais de emprego, Grafinco e Produtores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a preto dunha vintena de persoas con capacidades diferentes.