Site icon Crónica3.com A Mariña

A Ocioteca de Verán de Burela realiza a última actividade do programa Bandeira Azul aprendendo a separar os residuos da merenda para a súa reciclaxe

As monitoras da aula Gaia incidiron na importancia de que saiban separar os materiais para que se podan reciclar e reducir a contaminación e o impacto medioambiental

Burela, 22 de agosto de 2022. As nenas e nenos da Ocioteca de Verán xa realizaron o último obradoiro do programa de actividades vencelladas á Bandeira Azul para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente, aprendendo a separar os residuos das súas propias merendas nos distintos colectores para a súa posterior reciclaxe.

As monitoras de Gaia aproveitaron a merenda que adoitan facer a media mañá para aplicar novos coñecementos sobre a práctica, de xeito que acumularon todos os residuos que quedaron despois de comer e foron depositando cada un deles no contedor de lixo correspondente a cada material.

Principalmente, desbotaron envases de plástico como os dos iogures, bolsiñas onde veñen as galletas ou madalenas, así como restos orgánicos como as mondas da froita, e en menor cantidade, algún envase de cartón.

A medida que os pequenos ían tirando as cousas nos colectores, as monitoras explicaban a importancia de seleccionar e separar os residuos para que se podan facer cousas novas co mesmo material, que se recicla para evitar empregar novas materias primas e, deste xeito, darlles unha segunda vida ás usadas. Así, conséguese non contaminar tanto o medio ambiente e aforrar auga e enerxía.

Obradoiros sobre a importancia de manter as praias limpas e non tirar cabichas, repartindo cinceiros ecolóxicos, actividades sobre o coñecemento das plantas do litoral burelés coa creación de cadernos de campo, iniciativas artísticas con materiais naturais como os mosaicos realizados con cunchas, pedras e paos, campañas informativas sobre o Punto Limpo, e esta última actividade sobre a reciclaxe e o coidado do medio completan o programa de actividades ao abeiro da Bandeira Azul que a delegación de Medio ambiente do Concello de Burela, a través de Gaia e a Ocioteca de Verán, promoveu este ano para previr a contaminación e o cambio climático e implementar medidas que contribúan ao coidado e respecto da natureza.

Exit mobile version