Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia a 60 Xira de Santa Cruz, de interese turístico galego, que volve a Ribadeo esta fin de semana con música tradicional e deporte

O domingo será o día grande, coa tradicional subida ao monte de Santa Cruz, xantar, ofrenda floral e as actuacións de Leña Verde, Xaramolos, Xisco Feijoo e Pelepau, patrocinadas pola Xunta

Lugo, 3 de maio de 2022. A Xunta de Galicia apoia as actuacións musicais previstas na tradicional Xira de Santa Cruz, festa de Interese Turístico Galego, que acollerá o monte homónimo, situado no concello de Ribadeo, moi próximo ao casco urbano, que nesta edición cumpre 60 anos. Así o subliñou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que participou hoxe na presentación da iniciativa xunto a membros da asociación organizadora, Amigos da Gaita Galega de Ribadeo.

A festividade dará comezo o sábado, 6 de agosto, coa lectura do pregón e unha ruada a cargo de “Amigos da Gaita”. O día grande será do domingo, 7 de agosto, coa tradicional subida ao monte de Santa Cruz, xantar campestre e ofrenda floral no monumento ao gaiteiro, ademais da música e baile que ofrecerán Leña Verde, Xaramolos, Amigos da Gaita e os concertos de Xisco Feijoo e Pelepau, todas elas actuacións que contan co patrocinio da Xunta de Galicia.

Arias apuntou que “este tipo de eventos contribúen á dinamización cultural e turística de concellos coma o de Ribadeo, que conta cun gran número de visitantes durante estes días, en especial cando nos encontramos inmersos neste dobre Ano Santo”. Nese sentido, salientou a aposta da Xunta por “descentralizar a programación e impulsar e apoiar actividades que cheguen ao máximo número de localidades e á maior cantidade de xente posible”.

Trofeo Enma Cuervo, Encontros no Camiño
Por outra banda, o delegado territorial tamén presentou o trofeo Enma Cuervo, Encontros no Camiño, que terá lugar este sábado 6 de agosto, ás 6 da tarde, no campo municipal de fútbol Pepe Barrera, e no que a Xunta colabora aportando a copa que se levará o equipo vencedor.

Exit mobile version