A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou a orde de aprobación definitiva do documento
Acompañada do alcalde, Clemente Iglesias, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá en Riotorto a orde de aprobación definitiva do PBM, un fito que enmarcou no esforzo da Xunta nos últimos anos para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo responsable e na protección da súa paisaxe.
Tras lembrar que o contrato para redactar o plan básico deste municipio se formalizou a finais de 2019 e o documento foi aprobado inicialmente en xuño do ano pasado, a conselleira incidiu en que unha das vantaxes deste instrumento é que a súa tramitación é “moito máis áxil” que a dun planeamento xeral, que normalmente precisa ata tres veces máis de tempo para acadar a aprobación definitiva.
Neste sentido, felicitou ao alcalde e ao resto do Goberno local por ser un dos primeiros en apostar por esta figura novidosa, creada ao abeiro da Lei do solo e concibida para avanzar no obxectivo da Xunta de que non haxa ningún concello sen PXOM.
En concreto, o plan clasifica un único ámbito de solo urbano consolidado no concello de Riotorto, sumando todos os terreos que integran a malla urbana existente e de xeito que os sete antigos asentamentos rurais quedan a partir de agora unidos ao lugar das Rodrigas. Así mesmo, o PBM delimita un total de 67 núcleos rurais: 58 deles de tipo tradicional, 8 que combinan partes tradicionais e comúns e 1 común.
En canto aos elementos máis significativos do patrimonio cultural e natural de Riotorto merecedores dunha protección especial, o documento identifica e cataloga un total de 121 dos cales 10 son de tipo arqueolóxico, 44 arquitectónicos e 67 etnográficos.
Tras a aprobación este verán dos dous primeiros plans básicos municipais de Galicia, Ángeles Vázquez indicou que se segue avanzando na tramitación do resto para que sexan unha realidade o antes posible, ao tempo que se traballa para impulsar a elaboración doutros novos.
Así, os concellos de Ribeira de Piquín, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río e O Páramo están pendentes de obter a totalidade dos informes favorables preceptivos para poder sometelo a informe da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
No caso de Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón estase rematando a redacción do borrador do plan e o documento ambiental estratéxico para poder iniciar o procedemento de avaliación ambiental.
Finalmente, recordou que este mesmo mes de agosto vén de adxudicarse por case 150.000 euros o servizo para a obtención da cartografía previa necesaria para redactar os plans básicos municipais doutros 6 concellos: Antas de Ulla, Chandrexa de Queixa, San Amaro, Negueira de Muñiz, Pantón e Montederramo. Unha vez asinados os contratos, as empresas adxudicatarias disporán de 6 meses para completar os traballos e cartografar o territorio destes municipios, que se suman así aos 18 que actualmente xa teñen ou están a traballar no seu propio PBM.