Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta lembra o seu compromiso coa nova depuradora de Foz, na que vai investir 12,3M€, pese a ser unha infraestrutura de responsabilidade municipal

Foz, 2 de agosto, 2022. A Xunta lembra o seu compromiso coa mellora do sistema de saneamento municipal de Foz, ao que vai destinar un investimento de 12,3 M€ para a execución dos colectores e dunha nova depuradora, pese a ser esta unha infraestrutura de responsabilidade e de competencia directa do Concello.

A actuación que está a impulsar a Xunta, a través de Augas de Galicia, permitirá triplicar a poboación servida e multiplicar por 9 a capacidade de tratamento das augas residuais.

O obxectivo de Augas de Galicia é iniciar os traballos dos colectores e da nova depuradora de Foz a finais deste mesmo ano, xa que as obras están agora mesmo en proceso de contratación.

Polo tanto, a Xunta está a dar os pasos necesarios para mellorar o sistema de saneamento de Foz, financiando integramente a actuación e apoiando ao Concello nas responsabilidades que lle son propias co fin de ofrecer servizos de calidade aos veciños.

As actuacións impulsadas pola Xunta buscan atallar as deficiencias no funcionamento do sistema de saneamento municipal, que non ten a capacidade necesaria para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando a chegada de turistas incrementa a poboación.

A Xunta remarca que leva moito tempo axudando ao Concello para a tramitación desta concesión de Costas, pola que houbo que agardar 36 meses para poder licitar o proxecto.

Exit mobile version