Site icon Crónica3.com A Mariña

As monitoras da aula Gaia desenvolven unha campaña informativa sobre a utilización do Punto Limpo

Difundiron información para concienciar á veciñanza sobre a utilización deste espazo, evitando que depositen materiais voluminosos nos contedores sen avisar previamente á empresa de limpeza

Burela, 2 de agosto de 2022. A Aula Gaia do Concello de Burela continúa co seu programa de actividades vencelladas á Bandeira Azul para concienciar sobre o respecto ao medio ambiente, cunha campaña informativa nesta ocasión sobre a utilización do Punto Limpo entre os veciños e veciñas.

Informaron en diferentes puntos da vila sobre o significado e usos dun Punto Limpo, as cousas que se deben depositar e as que non ou o horario de funcionamento, entre outras. A campaña informativa perseguiu o obxectivo de concienciar a todas as persoas sobre o correcto uso destes espazos, así como previr e evitar que se deixen a pé de contedor obxectos e materiais voluminosos sen avisar previamente á empresa encargada de trasladalos e depositalos no Punto Limpo.

Ademais, esta mañá as monitoras de Gaia e as nenas e nenos da Ocioteca de Verán estiveron cos operarios da empresa de limpeza para aprender e comprobar como recollen os enseres e o tratamento e proceso que fan con eles. Tamén realizaron unha ruta polo Sendeiro Azul desde a praia do Ril ata a praia do Portelo dentro desta mesma campaña de concienciación, que se suma a outras tres actividades xa realizadas este verán dentro do programa Bandeira Azul no que participa o Concello. Obradoiros sobre a importancia de manter as praias limpas e non tirar cabichas, repartindo cinceiros ecolóxicos, actividades sobre o coñecemento das plantas do litoral burelés coa creación de cadernos de campo, iniciativas artísticas con materiais naturais como os mosaicos realizados con cunchas, pedras e paos, e agora esta campaña informativa sobre o Punto Limpo, contribúen a espallar valores medioambientais imprescindibles para un futuro sostible no que urxe cambiar dinámicas e previr o avance perigoso da contaminación e o cambio climático.

Exit mobile version