Site icon Crónica3.com A Mariña

As nenas e nenos da Ocioteca de verán de Burela realizan a actividade “Xogueteando, un lecer diferente”

Aprenderon a importancia da seguridade dos xoguetes a través dun conto e a realización dunha manualidade

Burela, 22 de agosto de 2022. A Ocioteca de Verán vén de realizar unha nova actividade coas nenas e nenos chamada “Xogueteando, un lecer diferente”, dentro do programa estival “Lecer Consumo” promovido pola Xunta de Galicia xunto co Instituto Galego de Consumo e da Competencia.

As monitoras da Aula Gaia explicaron que a iniciativa consistiu en facer conscientes aos máis pequenos e pequenas da importancia da seguridade nos xoguetes a través dun conto e da realización dunha manualidade.

Na primeira parte, a historia narrada axudoulles a comprender a importancia do xogo ao aire libre, que se potencia nos períodos de vacacións polo verán. No inverno, as nenas e nenos van ao colexio, xogan nas súas casas e predomina o xogo tecnolóxico a través das pantallas, mentres que no verán, como moitos pais e nais traballan, é habitual que os pequenos das familias vaian a entornos rurais cos avós, onde é máis frecuente o xogo ao aire libre, como a pelota, a comba, bolos, ou calquera outro sen necesidade de tecnoloxía.

Na actividade incidiron tamén na importancia de que os xogos foran seguros, e aprenderon aos nenos e nenas a simboloxía que marca a seguridade dos mesmos, así como a idade axeitada para empregalos.

Finalmente, realizaron unha manualidade para crear unha bolboreta composta de cartolina e unha pinza, promovendo a creatividade para enriquecer o xogo, a capacidade de traballar en equipo e as habilidades psicomotrices.

Exit mobile version