Site icon Crónica3.com A Mariña

BMW, Stellantis Vigo e Tesla protagonizarán este venres as charlas da derradeira xornada do XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos organizado por apaga en Ribadeo

Ribadeo, 25 de agosto de 2022. Mañá, venres, remata en Ribadeo o XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos organizado por Apaga. Esta tarde os participantes aproveitan para visitar Lourenzá e Mondoñedo.

Esta mañá houbo tres charlas. Unha pronunciada por Rafael Orihuela Navarro, responsable do Centro de Operacións da EMT de Madrid, que falou sobre a tecnoloxía actual do autobús urbano e os retos para abordar cos novos vectores enerxéticos. A segunda conferencia foi impartida por Joaquín Vázquez Gómez, especialista en materiais e procesos mecánicos de fabricación, que versou sobre o deseño dun proceso de forxa. E a terceira charla estivo centrada na utilización das redes sociais. A encarga de impartila foi Verónica Ramallal, de Pekecha creatividade dixital.

Mañá, venres, José Luis Fernández, instructor de BMW, falará dos vehículos eléctricos desta coñecida marca. Tomás Fernández Piñeiro, enxeñeiro electrónico de Stellantis Vigo, referirase á nova arquitectura electrónica. E Álvaro Sauras, enxeñeiro industrial e periodista da revista Autofácil-Evo, falará das dez cousas que Tesla nos ensinou sobre os coches e o seu mantemento.

O XI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos rematará cun xantar.

Os 40 participantes, chegados desde as catro provincias galegas e desde Madrid, Murcia e Zamora, visitan esta tarde Lourenzá e Mondoñedo, despois de coñecer nas últimas horas o casco histórico de Viveiro e tamén ao Fuciño do Porco no Vicedo.

Exit mobile version