Site icon Crónica3.com A Mariña

Boa acollida da segunda edición do programa Actívate da Deputación

Esta iniciativa de turismo deportivo e de aventura ofreceu en 26 concellos da provincia dende abril a xullo actividades gratuítas e ao aire libre para todos os públicos como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación

Lugo, 3 de agosto de 2022. A Deputación de Lugo celebra a boa acollida do programa Actívate, unha iniciativa a través da que a institución provincial ofreceu en 26 concellos da provincia actividades gratuítas para todos os públicos. Os participantes realizaron, as fins de semana de abril a xullo, actividades vencelladas ao turismo deportivo e de aventura, como sendeirismo, surf, piragüismo, kaiak, vela, trekking, escalada ou equitación.

A institución provincial buscaba con esta proposta turística seguir apoiando, en colaboración cos concellos, a actividade do sector turístico, a hostalería e o comercio, e a aposta por un modelo de turismo sostible, de calidade e con capacidade para atraer xente durante todo o ano. Trátase dun impulso a un sector que xera experiencias, pon en valor o rico e diverso patrimonio natural e cultural da provincia e que aporta valor ao territorio, e axuda a manter e a xerar emprego, sobre todo no medio rural.

Actívate sumouse a outras iniciativas que ten en marcha a Deputación de Lugo cos mesmos obxectivos de apoiar ao tecido produtivo vinculado ao turismo, á hostalería e ao comercio, e, ao mesmo tempo, favorecer un turismo de calidade e sostible. Un exemplo é o programa Coñece a túa Provincia, do que se benefician unhas 3.000 persoas de 135 asociacións entre a pasada primavera e o outono; ou tamén o programa Saborea a túa provincia e que arrancaron esta pasada fin de semana.

Exit mobile version